O director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, participa na I Mesa da Madeira: A construción en madeira para a edificación sustentable do futuro na Biblioteca do Concello da Veiga (Ourense)
O potencial da madeira como material de construción é unha realidade e, por iso, o Goberno galego impulsa a súa presenza nas edificacións, tanto públicas como privadas, con axudas por valor de 12,8 millóns de euros. Así o destacou o director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, durante a súa intervención na I Mesa da Madeira: A construción en madeira para a edificación sustentable do futuro.
O director da XERA, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou na mesa redonda celebrada na Biblioteca do Concello da Veiga (Ourense), que reuniu a destacados profesionais do sector para analizar o rol que debe xogar a madeira no desenvolvemento tanto dos ámbitos rurais como urbanos. Alí subliñou o compromiso da Xunta cun sector estratéxico coma o madeireiro-forestal con axudas e acordos para impulsar a madeira na construción.
Nesta liña, o Goberno galego establece o obxectivo de que, progresivamente, o 20 % das edificacións da Administración pública galega empreguen madeira na súa estrutura. Para acadar este obxectivo, subliñou Aboal, asináronse acordos de colaboración entre organismos públicos coma o subscrito entre a XERA e o Sergas ou a Axencia Galega de Infraestruturas para que se incorpore na medida do posible o uso da madeira nos proxectos promovidos e/ou executados.
No sector privado, o director da XERA salientou as axudas publicadas pola Consellería de Economía e Industria, que suman máis de 12 M€ entre o presente ano e o vindeiro 2025. Entre elas, destacou as axudas de 3 millóns de euros para a realización de proxectos que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais ou as axudas para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cun orzamento de 5 millóns de euros.
Por engadido, a XERA tamén impulsou axudas para a valorización das pemes da primeira e segunda transformación da madeira e do segmento do contract ligadas á cadea monte-industria cun valor de 4 millóns de euros; así como as dirixidas á organización de actividades formativas non regradas que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia, que contará con 800.000 euros de orzamento.