Axencia Galega da Industria Forestal

A Xunta impulsa a modernización e competitivade das industrias do sector da adeira e do contract

Piñor Maderas Gómez XERA

O director da Axencia Galega da Industria Forestal visitou esta mañá no concello de Piñor (Ourense) as instalacións de Maderas Gómez Orense, S.L.

Co apoio da Consellaría do Medio Rural a través da Axencia Galega da Industria Forestal, esta empresa está a traballar na mellora dos seus procesos de rastrexabilidade

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba o pasado venres a convocatoria de axudas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract, cun orzamento de 2,6 millóns de euros

Piñor (Ourense),

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, visitou hoxe as instalacións de Maderas Gómez Orense, S.L., unha empresa familiar que centra a súa actividade no sector da transformación da madeira, dedicada á fabricación de envases de madeira que conta con tres fábricas  para a realización dos produtos.

A empresa conta cunha axuda pública concedida pola Axencia Galega da Industria Forestal para a dixitalización e mellora da competitividade. Deste xeito, está a realizar un control da rastrexabilidade que lle permite abordar unha eficiente planificación e xestión da produción, así como do control de custos.

Neste senso, o director subliñou que “apostar pola industria forestal é apostar por unha industria sustentable e estratéxica para o medio rural e o emprego”. Nesa liña, esta empresa conta cun cento de traballadores e traballadoras que desenvolven a súa actividade no rural.

Aberta a convocatoria de axudas

A Xunta convocaba o pasado venres unha nova convocatoria de axudas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract dotada de 2,6 millóns de euros para o período 2023-2024, un 30% máis que nos últimos exercicios. Por primeira vez neste tipo de convocatorias, establécense cinco liñas definidas en materia de accións subvencionables, cada unha delas dirixidas a diferentes obxectivos. O prazo de presentación das solicitudes finalizará o vindeiro día 2 de maio.

En concreto, a primeira das liñas sería para aumentar a competitividade e valorización, habería outra de mobiliario, contract e construción, unha terceira para a mellora produtiva e desenvolvemento de novos produtos sustentables, outra para certificacións, ensaios e informes e a última de seguridade e saúde laboral.

Estas axudas enmárcanse na Axenda de impulso da industria forestal-madeira, unha folla de ruta contemplada dentro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” e deseñada conxuntamente cos principais axentes deste eido para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.