O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou hoxe nun relatorio organizado pola Asociación de Produtores de Madeira de Cerdido (Promacer)
O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou hoxe nun relatorio en Cerdido sobre os retos e expectativas que supoñen os mercados voluntarios de carbono en Galicia, nunhca xornada organizada pola Asociación de Produtores de Madeira de Cerdido (Promacer). Alí expuxo en que consisten estes mercados emerxentes e cales son as oportunidades que se lles presentan aos titulares forestais, sexan propietarios particulares ou comunidades de montes veciñais en man común.
A xornada veu motivada polo interese que este tipo de novos mercados está a espertar como unha fonte de riqueza que axude a afondar na xestión forestal sustentable e activa, poñer en valor o rural e loitar contra o seu abandono. Así, Jacobo Aboal sinalou que, tal e como recolle a actual Lei de montes de Galicia, a Xunta está traballando nun sistema de créditos de carbono de carácter voluntario. Este sistema servirá de nexo entre titulares e aquelas persoas, de natureza física ou xurídica, que desexen mercar créditos, ben como intermediarios ou ben como axentes finais co fin de reducir ou facer nulas as súas emisións.
Neste senso, matizou o director, a diferenza do sistema estatal dirixido ás zonas incendiadas ou que non estiveran arboradas nos últimos 30 anos, o sistema da Xunta basearase na xestión forestal sustentable e activa como ferramenta diferencial para secuestrar un número de toneladas de carbono adicionais fronte a aqueles bosques abandonados.