O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, visitou hoxe dúas empresas referentes na fabricación e comercialización de maquinaria forestal
Sinala que a liña de apoios conta cunha dotación orzamentaria de 11 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader)
Vila de Cruces, 11 de Marzo de 2026
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, lembrou hoxe que aínda se poden solicitar ata o 20 de marzo as axudas da Xunta para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais.
Fernández Ríos visitou esta mañá en Vila de Cruces dúas empresas de referencia na fabricación e comercialización de maquinaria forestal, Industrias Guerra e Hitraf, onde sinalou que a liña de apoios da Xera, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), conta cunha dotación orzamentaria de 11 millóns de euros para o período 2026-2027.
Industrias Guerra é a principal empresa española especializada no deseño e fabricación de grúas hidráulicas forestais, remolques de tracción e cabezais, que son a base para a montaxe de procesadoras forestais completas. A firma conta con catro plantas en Galicia, así como unha filial en Portugal e dúas sedes en Arxentina.
Hitraf, no seu caso, dedícase á venda e reparación de maquinaria agrícola e forestal, especializándose na comercialización de tractores para aplicacións forestais e na distribución de equipos especializados para aumentar a seguridade nas operacións en terreos de alta pendente.