A Xunta leva investido nos últimos oito anos máis de 110 M€ na industria forestal de Galicia

Parlamento

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, destacou en comisión parlamentaria que o obxectivo principal leva sido reducir a carga administrativa, especialmente, nas fases de solicitude e concesión

Son axudas aliñadas cos obxectivos do Plan director do sector forestal madeira, que se prevé que estea aprobado no primeiro semestre deste ano

Santiago de Compostela,

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, destacou hoxe que, desde a creación deste organismo, a Xunta leva investido máis de 110 millóns de euros en axudas para empresas da cadea forestal-madeira.

Así o puxo hoxe de manifesto durante a súa comparecencia en comisión parlamentaria onde salientou, tamén, o traballo que se leva feito para axustar as bases reguladoras das diferentes convocatorias ás suxestións feitas desde as organizacións sectoriais e demais entidades beneficiarias.

Fernández Ríos explicou que o obxectivo principal leva sido reducir a carga administrativa, especialmente, nas fases de solicitude e concesión, polo que se estableceu a declaración responsable, por exemplo, para a autoavaliación dos criterios de priorización. Tamén apuntou, entre outras cousas, que xa non se requiren ofertas para certos investimentos porque se estableceron prezos máximos en base a un estudo, o cal contribúe a reducir a carga documental en fase de solicitude. A tramitación anticipada e o carácter bienal das convocatorias, engadiu, tamén permiten unha mellor planificación dos investimentos.

Segundo precisou, as axudas da Xera contemplan todos os elos da cadea e un amplo abano de tipoloxías de investimentos: maquinaria para tratamentos silvícolas e aproveitamentos forestais; para a primeira e segunda transformación, ou para a dixitalización de procesos. Tamén para a realización de ensaios, a obtención de certificacións, a mellora da seguridade e saúde no contorno laboral e o ecodeseño de produtos e materiais.

Ademais, a axencia tamén colabora coas asociacións sectoriais cubrindo o cen por cento dos custos de organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e destaquen a importancia estratéxica da industria forestal-madeira, a competitividade, o deseño e o desenvolvemento sustentable.

En conxunto, son axudas aliñadas cos obxectivos do Plan director do sector forestal madeira, que se prevé que estea aprobado no primeiro semestre deste ano.

Fernández Ríos precisou que, dentro da industria da transformación da madeira, Galicia produce o 43 por cento da madeira serrada en España, fundamentalmente de piñeiro (preto dun 80 por cento). A industria do taboleiro, referente a nivel nacional, representa o 33 po cento da produción a nivel estatal; a pasta, en torno ao 35 por cento; e a biomasa producida en Galicia, máis do 12 por cento da produción estatal.

Imaxes relacionadas