O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Alfredo Fernández Ríos, inaugurou hoxe un curso para avanzar no emprego de ferramentas informáticas especializadas no deseño e fabricación en madeira
Destaca a actividade como unha oportunidade para ampliar os coñecementos e habilidades do capital humano do sector madeireiro galego e lembra que o prazo para solicitar as axudas deste ano, remata o 13 de marzo
A Coruña, 24 de Febreiro de 2026
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, destacou esta tarde na Coruña a aposta da Xunta por mellorar e reforzar as habilidades dos profesionais do sector forestal-madeira galego. “É o mellor xeito de incrementar a competitividade e o coñecemento en todas as fases da cadea de valor – dixo ao tempo que destacou que - se trata dunha industria estratéxica na que somos líderes a nivel nacional por cifra de negocio e peza esencial no camiño cara o novo modelo de economía circular”.
Fernández Ríos inaugurou hoxe un curso sobre o manexo de programas informáticos especializados no deseño e fabricación no emprego da madeira, ferramentas que abarcan desde a planificación arquitectónica e a enxeñería estrutural, ata a produción automatizada. A actividade está organizada polo Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga), con sede na cidade herculina, no marco dos apoios que ten a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para a organización de actividades non regradas que impulsen o coñecemento e a competitividade desta industria, o denominado como Programa Xera-savia.
O director da Xera aproveitou para lembrar as cualidades da madeira para avanzar na descarbonización do sector da construción, grazas ás propiedades naturais de illamento térmico que posúe e que contribúen a reducir o consumo enerxético da edificación, tanto nas fases de construción e desmantelamento como durante o seu ciclo de vida útil. Un novo nicho de mercado que esixe a adecuación do persoal traballador ás novas tendencias e desafíos, subliñou.
Finalmente, Fernández Ríos apuntou que o pasado 13 de febreiro se publicaba unha nova convocatoria desta liña de axudas, á que os interesados poderán optar ata o vindeiro 13 de marzo, día no que remata o prazo para presentar as solicitudes. O importe da convocatoria do Xera-savia para esta edición ascende a 500.000 euros.