O Goberno galego organiza as xornadas que reuniron a máis de 70 arquitectos no relatorio online que tivo lugar na tarde de onte
Esta mañá visitaron o Museo Massó en Bueu (Pontevedra), que data de 1880 e onde se confirmou a existencia das únicas cubertas mixtas de eucalipto e pino tea procedente dos Estados Unidos en toda Galicia
A actividade, organizada no marco do acordo de colaboración entre a XERA e o COAG, vincúlase tamén ao acordo coa Consellería de Cultura en relación coas actuacións de recuperación e conservación das estruturas de madeira do patrimonio galego
A Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), dependente da Consellería de Economía e Industria, celebrou a segunda edición das Xornadas de introdución á rehabilitación de estruturas de madeira, nas que se deron cita máis de 70 arquitectos para formarse na recuperación destas edificacións. Ademais do relatorio online que tivo lugar na tarde de onte, hoxe realizouse unha visita guiada ao Museo Massó en Bueu (Pontevedra).
O museo, instalado nas naves industriais da antiga conserveira da familia Massó preto do porto de Bueu, conserva unhas estruturas de madeira que datan de 1880. Aínda que cando se iniciou o proxecto non se coñecía o seu verdadeiro valor, tras unha identificación anatómica, confirmouse a existencia das únicas cubertas mixtas de eucalipto e pino tea procedente de Estados Unidos en toda Galicia das que se teña referencia. E, ademais, tamén se identificou unha das cubertas de eucalipto máis antigas documentadas na Comunidade galega.
A actividade, organizada no marco do acordo de colaboración entre a XERA e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, vincúlase tamén ao acordo coa Consellería de Cultura en relación coas actuacións de recuperación e conservación das estruturas de madeira do patrimonio galego. Neste contexto, o CIS Madeira está a prestar asesoramento técnico no que afecta ao patrimonio madeireiro nas obras que se están a realizar no Museo Massó. A xornada rematou con talleres prácticos en diferentes actividades relacionadas coa rehabilitación de estruturas de madeira.