O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, asistiu hoxe á presentación dun novo conto titulado ‘Maruxa, Xaquín e Fuco fabrican material escolar’. Este novo conto amosa aos máis pequenos todos os obxectos de madeira que hai no colexio. Nesta nova edición inclúense pequenos vídeos para ensinar como se fai unha caixa de froita de madeira ou un barco de madeira co que se pesca o peixe do comedor.
O acto tivo lugar no CPR Plurilingüe Padre Feijoo-Zorelle de Ourense, gañador do concurso ‘E ti que contas? o pasado curso, e no dito acto agasallouse aos máis pequenos cunha libraría de madeira para que poidan gardar os seus contos favoritos. O evento incluíu tamén a entrega de estanterías de agasallo para representantes doutros dous centros gañadores do concurso (CEIP Albeiros de Lugo e CPI Monte do Alba de Vigo).
O director agradeceu o traballo que dende hai anos está a facer a Federación Empresarial de Aserradoiros e Rematantes de Madeira de Galicia (Fearmaga) pola divulgación, a través desta serie de contos, aos máis pequenos no uso da madeira, incidindo dun xeito moi positivo na visión do monte e no seu aproveitamento sustentable para a obtención dun material natural, renovable e que xera unha acción vital na loita contra o cambio climático como é a madeira.
A Xunta de Galicia lembra que anualmente a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, concede axudas ás organizacións e asociacións vinculadas aos sector forestal-madeira para actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia. A convocatoria deste ano tivo como beneficiarios a 13 organizacións cun importe de subvención de preto de 200.000 euros entre as que se atopa a propia Federación Empresarial de Aserradoiros e Rematantes de Madeira de Galicia (Fearmaga).