Axencia Galega da Industria Forestal

A Xunta participa nun curso de formación en construción industrializada e eficiente con madeira

Curso

Esta actividade está dirixida a profesionais da carpintaría e a montaxe, así como para empresarios e operarios do sector madeira e da construción

Terá dúas semanas de duración, divididas nunha parte teórica online -do 11 ao 15 de setembro- e outra práctica -do 18 ao 22-, que consistirá na creación dunha construción industrializada de alta eficiencia enerxética de madeira duns 20m2

Santiago de Compostela,

A Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, participa na organización dun curso gratuíto de Formación en Construción Industrializada e Eficiente con Madeira, en colaboración co Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, a Fundación Laboral da Construción e a Fundación Arume.

Esta actividade formativa está destinada especialmente a profesionais da carpintaría e a montaxe, aínda que tamén resulta de interese para empresarios do sector madeira e da construción, así como aos operarios e técnicos do eido da construción en xeral. Deste xeito, está aberto a todos aqueles axentes que poidan levar a cabo a execución de construcións en madeira en todas as súas fases.

O obxectivo do curso é capacitar a operarios do sector na fabricación de estruturas de madeira baseadas en entramados lixeiros e illantes térmicos, que permitan un consumo enerxético case nulo, así como fomentar o consumo de produtos locais producidos en Galicia. Tamén busca amosar o potencial dun eido emerxente e dotar aos asistentes de ferramentas básicas que lles faciliten nun futuro a execución técnica de edificios de consumo enerxético case nulo.

Terá dúas semanas de duración, divididas nunha parte teórica online -do 11 ao 15 de setembro- e outra práctica -do 18 ao 22-, que consistirá na creación dunha construción industrializada de alta eficiencia enerxética de madeira duns 20m2. Os seminarios teóricos estarán impartidos por profesorado especializado con ampla experiencia no sector. As prazas son limitadas e os interesados poden inscribirse nesta ligazón ata o 4 de setembro.

Ligazón ao formulario:

https://docs.google.com/forms/d/1lOvHc8p62yjKVFuaOBUO7tutEkrEcxClZP0zwozD6JI/viewform?pli=1&pli=1&edit_requested=true