O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou hoxe nunha mesa redonda sobre a inversión pública e privada como conector do sector forestal e a construción con madeira, enmarcada dentro da programación da feira REBUILD que se está a celebra en IFEMA (Madrid). Xunto a Aboal estiveron presentes o presidente de PEFC Internacional, Eduardo Rojas, e outros representantes do sector.
Na súa intervención, o director da Axencia Galega da Industria Forestal puxo en valor que no sector da construción cada vez medra máis o interese por outros materiais estruturais, como é a madeira, para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro dentro dunha estratexia de mitigación do cambio climático. Por iso, a Xunta aposta decididamente por seguir potenciando o uso da madeira neste eido.
Seguindo esta liña, explicou, o Goberno galego vai destinar, neste ano e no próximo, 5 millóns de euros nunha nova convocatoria de axudas para fomentar o uso da madeira na construción de vivendas unifamiliares e, como novidade, en edificacións en altura -para uso residencial e dun mínimo de tres plantas-, entre outros.
O fomento do emprego da madeira na construción vén aliñada nunha das metodoloxías do mercado voluntario de créditos de carbono no que está a traballar o Goberno galego, cuxo proxecto de decreto se atopa en trámite de exposición pública para captar todas aquelas aportacións que permitan mellorar, de forma exponencial, a súa calidade.
Esta norma permitirá a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono propio de Galicia, dirixido a organizacións públicas e privadas, mesmo á cidadanía, que se queren responsabilizar da súa acción climática, compensando a súa pegada de carbono mediante a participación en proxectos que contribúen á eliminación ou secuestro de carbono.
Neste senso, Jacobo Aboal resaltou que as construcións en madeira exercen un efecto especialmente beneficioso, debido ao prolongado almacenamento de carbono nos produtos ao longo do seu ciclo de vida. Ademais, estímase que o uso dun metro cúbico de madeira en substitución doutros materiais de construción reduce as emisións de CO2 á atmosfera unha media de 1,1 a 3,9 toneladas de CO2.
Por outra banda, cómpre sinalar que as achegas están enmarcadas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira e teñen como fin contribuír á loita contra o cambio climático, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar a aquelas persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira.
Seguindo a idea de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro, ata un 20% das edificacións promovidas polo Goberno autonómico empregarán madeira na súa estrutura, unha porcentaxe que se introducirá de xeito gradual a partir deste ano. Esta aposta consolídase coa convocatoria de 2 millóns de euros para incentivar a construción en madeira no ámbito privado.
Por iso, a Xunta leva investidos 2,5 millóns na potenciación da madeira como elemento estrutural na construción, beneficiando a numerosas empresas e particulares, co emprego de madeira galega trazada, algunha con certificacións PEFC ou FSC ou coa marca “Piñeiro de Galicia”.