O Centro de Investigación Forestal de Lourizán acolleu esta maná unha xornada técnico científica para abordar un dos principais retos aos que se está a enfrontar o sector forestal nos últimos tempos: as enfermidades e pragas que afectan ás coníferas e, máis concretamente, ás especies de piñeiro radiata e piñeiro pinaster. Un encontro entre profesionais que foi inaugurado polo director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, e que contou con varios relatorios de especialistas en sanidade forestal, silvicultura e mellora xenética de Galicia, así como expertos internacionais de Chile e Uruguai, países con ampla experiencia na xestión desta problemática.
No transcurso da súa intervención, Fernández Ríos lembrou que Galicia é líder na produción e transformación primaria de madeira de coníferas, polo que a expansión destas patoloxías que están a enfermar os piñeirais galegos “compromete a produtividade, a viabilidade económica e a resiliencia das nosas masas forestais”. Neste punto, o director da Xera puxo en valor os traballos de mellora das masas forestais que se están a levar a cabo desde o CIF de Lourizán e que onte puideron comprobar sobre o terreo nas visitas de campo que se realizaron a varios montes das provincias de Coruña e Pontevedra. Nomeadamente, a varias masas forestais afectadas por enfermidades fúnxicas e rodais de ensaio con especies de piñeiro pinaster mellorado e piñeiro radiata seleccionado e piñeiro taeda, localizadas nos municipios coruñeses de Frades e Ames e o pontevedrés de Cuntis.
Alfredo Fernández Ríos agradeceu a todos os asistentes as achegas que están a facer respecto das súas experiencias “que de seguro nos van a axudar para planificar estratexias a curto, medio e longo prazo para loitar contra estas enfermidades”. Uns parabéns que fixo extensivos á Fundación Arume, organizadora desta xornada técnica dentro do programa de actos do 5º Encontro Intersectorial do piñeiro-Piñeiros 2025, que promove en colaboración coa Xunta de Galicia.
Posteriormente, o director da Axencia Galega da Industria Forestal asistiu á clausura dunhas charlas sobre construción en madeira celebradas en Santiago de Compostela tamén dentro do programa de actividades de Piñeiros 2025. Alí Fernández Ríos destacou o impulso ao emprego da madeira que está a facer o Goberno galego para avanzar na descarbonización e industrialización do sector da construción. E, ao fío, lembrou a liña de axudas coas que conta a Administración galega para apoiar proxectos e obras onde se use como elemento construtivo.