O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, xunto coa directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, participaron hoxe na clausura da Asemblea xeral ordinaria da Asociación Provincial de Industrias da Primeira Transformación da Madeira da Coruña (Apralco)-Fearmaga
Luisa Piñeiro lembra que está xa publicada a instrución sobre a substitución por eucalipto de masas de piñeiro gravemente afectadas pola banda marrón, para o caso daqueles propietarios forestais que queiran acollerse a esta medida de flexibilización incluída na moratoria
Santiago de Compostela, 24 de Abril de 2026
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, puxo hoxe en valor o papel que desempeñan as asociacións sectoriais da industria forestal-madeira por como “permiten ás empresas acadar obxectivos que de xeito individual non serían asumibles”.
Fernández Ríos, xunto coa directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, participou hoxe na clausura da Asemblea xeral ordinaria da Asociación Provincial de Industrias da Primeira Transformación da Madeira da Coruña (Apralco)-Fearmaga, onde tamén destacou a súa función como interlocutoras coa Administración.
“Para a Xunta é fundamental ter contacto de primeira man coas asociacións sectoriais”, dixo o director da Xera, quen salientou que esta colaboración público-privada é clave para o deseño dos apoios económicos que a Administración autonómica pon á disposición das empresas do sector. “Fai máis doado optimizar a xestión dos fondos públicos e a execución de proxectos precisos para a modernización tecnolóxica e a mellora da contorna laboral dos traballadores”, dixo.
Pola súa banda, a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal lembrou que está xa publicada na web da Consellería do Medio Rural a instrución sobre a substitución por eucalipto de masas de piñeiro gravemente afectadas pola banda marrón, para o caso daqueles propietarios forestais que queiran acollerse a esta medida de flexibilización incluída na moratoria. O documento concreta os trámites necesarios en relación ao establecido na Lei de medidas que acompaña os orzamentos deste ano e que introduce dúas flexibilizacións na moratoria do eucalipto ata 2030.
Ademais, Luisa Piñeiro ofreceu a colaboración da Administración para avaliar a introdución de modificacións en certos aspectos do Regulamento EUDR que son de interese para o sector.