Esta acción formativa celebrada na capital luguesa foi beneficiaria, precisamente, das axudas cuxa resolución publica hoxe o DOG e que van destinadas a impulsar o coñecemento da industria forestal-madeira de Galicia
Jacobo Aboal explicou que as achegas para a construción enmárcanse nos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira de loita contra o cambio climático, fomento da xestión forestal sustentable ou aposta pola eficiencia enerxética
O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, inaugurou este mediodía o curso de formación específica “Cálculo de estruturas de madeira” que se imparte na Escola Politécnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela, no Campus de Lugo. Esta acción formativa foi beneficiaria, precisamente, das axudas cuxa resolución publica hoxe o DOG e que van destinadas a impulsar o coñecemento da industria forestal-madeira de Galicia. Así, un total de 10 entidades -entre elas a USC- recibiron, en conxunto, preto de medio millón de euros por organizar este tipo de iniciativas formativas non regradas e de divulgación que fomenten o coñecemento e a competitividade deste eido produtivo.
Na súa intervención, Aboal reafirmou a aposta da Xunta polo impulso da madeira como elemento estrutural na construción e como proba diso salientou a liña de axudas habilitada para fomentar este uso, dotada con 2,6 millóns de euros para a convocatoria 2022-2023.
Segundo explicou o director, estas achegas enmárcanse dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira e perseguen contribuír a loitar contra o cambio climático, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar a aquelas persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira.
As subvencións están dirixidas á nova construción, rehabilitación ou reforma de edificacións, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais e sempre que, cando menos, o 20% do orzamento de execución material do proxecto corresponda a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída a súa colocación). Estes serán utilizados cunha finalidade estrutural ou como sistemas de compartimentación, envolvente ou acabados.