Jacobo Aboal puxo en valor as axudas para promover o uso da madeira como elemento estrutural na construción e para apoiar actividades formativas e de divulgación que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia
Salientou a aposta pola certificación forestal como ferramenta de garantía de calidade dos montes galegos
Subliñou que o edificio Impulso Verde, onde tivo lugar a asemblea, figura na Guía técnica de solucións innovadoras en madeira estrutural na arquitectura galega, sendo o primeiro en España cuxo proxecto conta integramente coa certificación FSC
O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou este mediodía na mesa redonda “Uso da madeira para unha construción sustentable”, dentro da asemblea xeral do Forest Stewardship Council (FSC) España, celebrada na cidade de Lugo. Na súa intervención, o director da Axencia reafirmou o compromiso da Xunta polo sector forestal en xeral e, de modo particular, polo fomento da construción en madeira. Neste sentido, puxo en valor as diferentes axudas habilitadas pola Consellería do Medio Rural para promover ese uso. Referiuse, en primeiro lugar, ás achegas para o impulso da madeira como elemento estrutural na construción, dotada con 2,6 millóns de euros para a convocatoria 2022-2023.
Segundo sinalou Aboal, estas subvencións enmárcanse dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira e perseguen contribuír a loitar contra o cambio climático, fomentar a prevención e xestión forestal sustentable e activa do territorio galego, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar a aquelas persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira. Ademais, o director explicou que as subvencións están dirixidas á nova construción, rehabilitación ou reforma de edificacións, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais e sempre que, cando menos, o 20% do orzamento de execución material do proxecto corresponda a produtos de madeira ou derivados da madeira (incluída a súa colocación). Estes serán utilizados cunha finalidade estrutural ou como sistemas de compartimentación, envolvente ou acabados.
Por outra banda, Jacobo Aboal salientou tamén as axudas para apoiar a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia e lembrou que precisamente a semana pasada publicouse no DOG a resolución destas achegas. En total, nesta convocatoria foron 10 as entidades beneficiarias, entre as que se atopan a Universidade de Santiago, asociacións, federacións ou centros de formación. Estas subvencións contaron cun importe conxunto que supera os 492.000 euros e teñen como obxectivo estratéxico contribuír a unha concienciación colectiva baseada na percepción da industria forestal-madeira como un sector estratéxico, innovador, moderno e esencial na transición cara ao novo modelo de economía circular. Así, preténdese favorecer con elas a participación dos axentes clave na divulgación da utilidade da madeira e dos seus produtos derivados. Na mesma liña, o director fixo tamén mención ao acordo de colaboración asinado entre as consellerías do Medio Rural e de Sanidade para a mellora do benestar e a diminución da pegada de carbono mediante o uso de madeira nas construcións dos centros de saúde. Así mesmo, puxo en valor o uso da madeira de piñeiro e castiñeiro de Galicia na construción e reforma das bases de unidades operativas (BUO) do Servizo contra incendios da Xunta.
Certificación FSC
Durante a súa intervención, Jacobo Aboal trasladou que os montes galegos apostan pola certificación forestal como ferramenta de garantía de calidade, poñendo en valor as máis de 41.000 hectáreas que están actualmente baixo a certificación forestal FSC na nosa comunidade. Cabe lembrar que os montes baixo xestión da Xunta que contan cunha certificación FSC suman un total de 87. Estas cifras supoñen máis do 25 % do total certificado baixo este sistema en Galicia.
Esta certificación forestal, destacou o director, é un instrumento de mercado que garante de xeito demostrable aos consumidores que ese recurso forestal procede de montes xestionados de forma sustentable o que, sen dúbida, incrementa o seu valor. Neste senso, agradeceu o compromiso desta entidade, non só polo seu traballo a prol dunha certificación forestal sustentable senón tamén polo seu apoio privado para unha rexeneración do noso patrimonio forestal.
De feito, referido a esa certificación, Jacobo Aboal puxo en valor o edificio Impulso Verde, onde tivo lugar a asemblea xeral, o cal vén recollido na recentemente presentada Guía técnica de solucións innovadoras en madeira estrutural na arquitectura galega. Dita publicación é froito da colaboración entre a Xunta e a Plataforma de Enxeñería de Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no marco do convenio asinado en 2019 para a posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia e a promoción da madeira na construción. Este edificio, matizou o director, é un referente na loita contra o cambio climático, que propón un novo modelo construtivo de edificación en altura e que, ademais, se atopa construído na súa totalidade con madeira local, tratándose do primeiro edificio en España cuxo proxecto conta integramente coa certificación FSC.
Con todo, sinalou Jacobo Aboal, a certificación forestal é unha cuestión fundamental para a dinamización e potenciación dun sector primordial da nosa comunidade, xa que cómpre destacar que case un 70 % da superficie do territorio galego é forestal. De feito, as masas dedicadas á produción de madeira supoñen o 7 % da superficie arborizada dedicada á produción de madeira en España e nela prodúcese máis do 50 % da madeira cortada no Estado.