A Xunta reivindica o labor colectivo da cadea forestal-madeira na xestión responsable do bosque galego

Esenciais PEFC 2025_1
  • No marco dunha mesa redonda na que se abordou o presente e o futuro do sector en Galicia, Alfredo Fernández apuntou os desafíos aos que se enfronta ante a descarbonización e a dixitalización dos procesos produtivos e as posibilidades de crecemento noutros sectores como o da construción.
  • Pola súa banda, José Luis Chan sinalou a importancia do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, que actúa como unha folla de ruta a través da cal adecuar o monte galego ás novas necesidades e retos de futuro
  • Resaltou que Galicia conta cunhas 508.000 hectáreas certificadas co selo PEFC, un dos distintivos máis empregados a nivel mundial, polo que se está a cumprir xa o obxectivo do Plan Forestal marcado para o ano 2035
Santiago de Compostela,

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participaron esta mañá na xornada Esenciais PEFC 2025 Galicia, un encontro entre profesionais no que se analizou o presente e o futuro do sector forestal desde o punto de vista da sustentabilidade. Unha cita na que ambos destacaron o labor colectivo que se está a facer desde a cadea forestal-madeira para que a xestión sustentable deste recurso avance e se consolide.

Fernández Ríos agradeceu a cada un dos actores deste sector, “desde quen coida e xestiona o monte ata quen transforma, distribúe e pon en valor os produtos forestais certificados” o seu traballo. “Todos sodes pezas imprescindibles, esenciais, dun labor colectivo que garante o futuro dos nosos montes e fortalece o sector forestal-madeira de Galicia” subliñou, ao tempo que lembrou o peso desta industria na economía galega e as súas posibilidades de crecemento.

No transcurso da mesa redonda na que participou xunto co director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, o responsable da Xera tamén se referiu aos retos que ten por diante a cadea monte-industria no marco do proceso de descarbonización e dixitalización dos procesos produtivos,  así como coa incorporación de melloras tecnolóxicas que “sen dúbida, van a incrementar o valor dos produtos elaborados e o seu emprego noutros sectores como pode ser o da construción, onde Galicia está a despuntar”, asegurou.

Pola súa banda, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, sinalou a importancia da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, que actúa como unha folla de ruta a través da cal adecuar o monte galego ás novas circunstancias, necesidades, retos e oportunidades de futuro que se presentan para o monte e o sector forestal galego.

Así, a través deste plan o Goberno autonómico está a desenvolver unha estratexia planificada e comprometida, impulsando a rendibilidade silvícola e promovendo unha boa xestión forestal, sen esquecer os aspectos económicos, ambientais e sociais que teñen os bosques. A maiores, José Luis Chan puxo de relevo o selo PEFC, un dos distintivos de certificación de xestión forestal máis implantado a nivel mundial. Neste sentido, destacou que Galicia conta cunhas 508.000 hectáreas amparadas baixo este selo (das preto de tres millóns que hai no total de España), polo que se está a cumprir xa o obxectivo do Plan Forestal de Galicia marcado para o ano 2035.

O acto rematou coa entrega de galardóns a entidades e empresas forestais pioneiras no eido da certificación da cadea de custodia forestal en Galicia. Unha distinción que  garante a sustentabilidade da orixe dos produtos.

Imaxes relacionadas