A Xunta reivindica o papel da biomasa dentro da cadea monte industria cunha facturación que ronda os 70 millóns de euros anuais

 20260703 Xera Biomasa Galiforest

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, participou na inauguración da Asemblea Xeral do Clúster da Biomasa, que celebrou a súa sexta edición en Boqueixón, coincidindo coa feira do sector forestal Galiforest 

Santiago de Compostela,

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, destacou esta mañá durante a inauguración da Asemblea do Clúster da Biomasa de Galicia o importante papel que está a xogar este sector dentro da cadea monte-industria. “Un sector estratéxico – asegurou – que o ano pasado facturou 68 millóns de euros cunha tendencia estable nos últimos exercicios e cuxo aproveitamento é unha forma de darlle valor á madeira que, polas súas características, non ten outros usos industriais”. Unha xuntanza que se celebrou no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, en Boqueixón, onde estes días estase a celebrar unha nova edición da feira do sector forestal Galiforest.

O director da Xera lembrou que segundo o último balance publicado polo Inega a biomasa e o biogás representan o 25 % da enerxía primaria galega, e sitúase na terceira posición por detrás da fonte enerxética da auga e o vento. Neste sentido, destacou o compromiso da Xunta de Galicia co emprego da biomasa, especialmente, en edificios públicos como o complexo administrativo de San Caetano e en hospitais e centros educativos públicos.

Neste senso, lembrou que o Plan director da industria forestal, aprobado polo Consello da Xunta o pasado xuño, considera estratéxico promover o uso sustentable da biomasa como fonte de enerxía. Unha iniciativa que busca mellorar a xestión forestal activa, fomentar a implantación de enerxías renovables e reforzar a conexión da sociedade cos recursos do monte.

Unha vez rematada a asemblea, o responsable da Xera realizou un recorrido polos stands de Galiforest, entre eles o espazo expositivo compartido que a Xera puxo a disposición do sector e no que están presentes o Clúster da Biomasa de Galicia, o Colexio Oficial de Enxeñería Forestal de Galicia, a Escola Politécnica Superior de Lugo (USC), a Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (UVigo), Fearmaga, LugoMadera, a Fundación Arume, FSC España, PEFC Galicia e BIoeco2.

Imaxes relacionadas