A Xunta reivindica o uso da madeira na construción porque Galicia é rica en recurso forestal, industria e talento

CMD
  • O director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, destaca o “valor estratéxico desta materia prima porque vincula industria e territorio”
Santiago de Compostela,

 

Galicia conta cun ecosistema capaz de ofrecer solucións innovadoras e de vangarda na cadea de valor da madeira porque ten o recurso, a industria e o talento. Así o asegurou esta mañá o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, durante a súa intervención nas XIII Xornadas de Arquitectura e Deseño que se celebraron en Santiago

O responsable da Xera explicou que, nun contexto de descarbonización, esta materia prima abre un mundo de posibilidades a unha nova economía na construción industrializada, sostible e de alto valor engadido. “A madeira pode unir a arquitectura, a industria e o territorio”, dixo.

Ademais dos múltiples beneficios da madeira na edificación, como a rapidez de execución ou o alto rendemento térmico e acústico, Fernández Ríos destacou as oportunidades de mercado grazas, en boa parte, ao impulso da Unión Europea e ao crecemento da construción sustentable nas sociedades actuais.

No aspecto económico, o director da Xera tamén recordou a importancia que ten para o desenvolvemento da industria forestal galega unha cadea de valor forte e arraigada no territorio con capacidades en todos os elos da transformación mecánica da madeira. Así, puxo en valor o tecido empresarial de transformación “con tradición e coñecemento no aproveitamento do recurso, xunto cun sector punteiro como o contract, que achega solucións innovadoras”.

Por último, Alfredo Fernández Ríos recordou que o apoio da Xunta ao emprego da madeira na construción é decidido. Neste sentido, engadiu que este compromiso non é teoría senón que se traduce en feitos, como os  investimentos realizados na cadea de valor, con liñas de axuda específicas como Xera-Tecno, Xera-Valor ou Xera-Savia, o fomento do uso desta materia prima na iniciativa privada e pública ou apoiando programas de formación a través de acordos cos colexios profesionais, universidades e centros de investigación.

Imaxes relacionadas