Pontevedra, 20 de Febreiro de 2026
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), mantivo hoxe unha xuntanza con persoal técnico do Concello de Pontevedra para avanzar nos traballos previos á licitación das obras de rehabilitación do Pazo de Lourizán.
A reunión, que tivo lugar no propio recinto, serviu para informar in situ do proxecto e da documentación requirida por parte do Concello para a solicitude de licenza, toda vez que xa se dispón do proxecto básico de rehabilitación e dos informes sectoriais da Axencia Turismo de Galicia, Patrimonio Natural, da Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia e Patrimonio Cultural.
A Xunta traballa coa previsión de poder licitar as obras de rehabilitación do pazo este mesmo ano para comezar a execución dos traballos entre finais de 2026 e comezos de 2027.