A Xunta salienta o impulso da madeira como elemento construtivo e destaca as capacidades do sector para avanzar no proceso de descarbonización

Casabío

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, visitou esta mañá dúas empresas beneficiarias dos programas de apoios da Xera, entre elas do programa Xera-Madeira para impulsar o uso deste compoñente na construción

Lembrou que a madeira, ademais de ser un material natural, reciclable e reutilizable, retén CO₂ e fíxao durante todo o ciclo vida. Ademais, os procesos de fabricación de produtos para a construción son minimamente contaminantes e consumidores de enerxía, dixo

Salvaterra do Miño-O Porriño,

 

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, destacou esta mañá que Galicia está impulsando a utilización da madeira en construción, consciente de que, ademais de ser un material natural, reciclable e reutilizable, retén CO₂ e fíxao durante todo o ciclo vida. Fernández Ríos realizaba estas declaracións tras visitar unha das empresas beneficiarias da última convocatoria da liña de axudas Xera-Madeira, que promove o Goberno galego para impulsar o emprego deste compoñente como elemento estrutural no eido da construción.

Durante o seu recorrido pola firma Sumelga, instalada no Porriño e dedicada ao subministro de material eléctrico, Fernández Ríos subliñou que os procesos de fabricación de produtos para a construción son minimamente contaminantes e consumidores de enerxía, de aí os apoios que o Goberno galego está a dar para promover a construción en madeira, tanto para a elaboración de proxectos como as propias obras de execución, no que se prima o emprego de madeira local e da marca de garantía piñeiro de Galicia. O director da Xera, que estivo acompañado polo rexedor porriñés, Alejandro Alonso, explicou que a firma recibiu unha achega da Xera para a redacción do proxecto e a execución dunha nave con estrutura de madeira.

A continuación, Alfredo Fernández desprazouse ata Salvaterra do Miño, onde xunto coa súa alcaldesa Marta Valcárcel, percorreu as instalacións da firma Casabío, carpintería especializada na construción de casas de madeira ecolóxicas e encargada da montaxe da nave de Sumelga, ademais de beneficiaria de varias liñas de axudas da Xera.

A última convocatoria das axudas Xera-Madeira, destinadas tanto a particulares como a pequenas e medianas empresas, contou cun orzamento de 5 millóns de euros cos que se apoiaron un total de 244 actuacións.

Imaxes relacionadas