Axencia Galega da Industria Forestal

A Xunta subliña en Bruxelas o seu compromiso cun sector estratéxico coma o madereiro-forestal

Jacobo Aboal, director da Axencia Galega da Industria Forestal da Xunta de Galicia
  • O director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, participa na Conferencia sobre política e innovación madeireira en Bruxelas
Bruxelas (Bélxica),

 

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, participou esta mañá na Conferencia sobre política e innovación madeireira en Bruxelas, onde subliñou o compromiso do Goberno galego co sector madeireiro-forestal.

Durante a súa intervención, Aboal puxo en valor as axudas publicadas pola Consellería de Economía e Industria a través da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) para impulsar a construción con madeira no ámbito privado por importe de 5 millóns de euros. Ademais, o Goberno galego establece o obxectivo de que, progresivamente, o 20 % das edificacións da Administración pública galega empreguen madeira na súa estrutura.

Para acadar este obxectivo, destacou o director da XERA, asináronse acordos de colaboración entre organismos públicos coma o subscrito entre a XERA e o Sergas ou a Axencia Galega de Infraestruturas para que se incorpore na medida do posible o uso da madeira nas infraestruturas promovidas e/ou executadas. E citou, a modo de exemplo, os centros de saúde da Laracha ou do Porriño que, froito deste acordos, empregaron a madeira como elemento construtivo nos seus edificios.

Aboal tamén fixo referencia ás liñas de apoio destinadas a fomentar a dixitalización e a innovación nas pequenas e medianas empresas do sector para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos. Do mesmo xeito, salientou as axudas destinadas á valorización das pemes da primeira e segunda transformación e do segmento do contract ligadas á cadea monte-industria; así como as dirixidas á organización de actividades formativas non regradas que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia.

Por último, o director da Xera lembrou que o sector madeireiro-forestal é un dos seis sectores estratéxicos declarados polo Consello da Xunta e, nesta liña, salientou que en Galicia existe un forte vínculo coa masa forestal, fonte de riqueza, e que debe ser aproveitada de xeito responsable para acadar os obxectivos fixados.