A Xunta subliña o valor estratéxico da madeira no eido construtivo no marco da XXII Semana Internacional da Arquitectura 2025

Madrid
  • O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, participou en Madrid na inauguración da xornada Galicia. Arquitectura de proximidade, que tivo lugar na Casa de Galicia

Madrid,

 

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, destacou esta tarde en Madrid as vantaxes do emprego de materiais tradicionais como a madeira para facer fronte aos retos actuais aos que se enfronta o sector da construción. Fernández Ríos inaugurou a xornada Galicia. Arquitectura de proximidade, no marco dos actos da XXII Semana Internacional da Arquitectura 2025, que organiza o Colexio de Arquitectos de Galicia co apoio da Xera. Un encontro que tivo lugar na Casa de Galicia e na que se deron cita numerosos profesionais do sector.

Fernández Ríos apuntou que entre os retos que ten que combater a industria da construción está a optimización dos custes, a redución do impacto ambiental e a adecuación ao novo marco normativo. Uns desafíos aos que, segundo explicou, a industrialización do sector e o emprego de materiais como a madeira ser unha solución. “A madeira -dixo- ten un valor estratéxico polos atributos cos que conta: é natural, reutilizable, lixeiro e permite a obtención de novos produtos facilmente industrializables ademais de presentar unha capacidade de hibridación con outros materiais como o formigón ou o aceiro que lle da un valor engadido”.   

Neste marco, o director da Xera referiuse ás diferentes liñas de axuda que impulsa o Goberno galego para a produción industrializada da madeira en construción, así como os programas para a formación de profesionais do sector, pasando por proxectos de innovación, apoios públicos de construción con madeira que nestes últimos anos tiveron unha importante demanda. “Uns apoios -subliñou- recollidos na Axenda de impulso da industria forestal cos que queremos apoiar tanto ao tecido industrial como fomentar o emprego da madeira neste sector”.

Imaxes relacionadas