A Xunta subliña que as axudas ao sector forestal-madeira alcanzarán os 16,5 M€ no ano 2025

fearmaga

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, participan na clausura da Asemblea Xeral da Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes da Madeira de Galicia (Fearmaga)

Fernández Ríos pon en valor que a madeira é un dos principais sectores industriais de Galicia cunha presenza no 95 % dos concellos galegos

Lembra que a vindeira semana o Goberno galego aprobará unha nova convocatoria de apoios de máis de 4 millóns de euros para serradoiros e empresas transformadoras da madeira

Santiago de Compostela,

 

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, subliñou hoxe que este ano os apoios da Xunta ao sector forestal-madeira alcanzarán os 16,5 millóns de euros en distintas liñas de axudas tanto para as industrias forestais como para a utilización da madeira en construción.

Fernández Ríos, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, participou na clausura da Asemblea Xeral Ordinaria da Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeira de Galicia (Fearmaga) onde puxo en valor que a madeira é un dos principais sectores industriais de Galicia, xa que conta cunha presenza no 95% dos concellos galegos.

Así, segundo os datos publicados no último informe da cadea forestal-madeira do ano 2023, para o conxunto da Comunidade, os rematantes venderon madeira por valor de 423 millóns de euros e o serrado facturou arredor de 365 millóns. Ademais, a facturación conxunta de todos os subsectores desta cadea de valor superou os 2.400 millóns de euros nese mesmo ano.

As axudas

Na súa intervención, o director lembrou que a vindeira semana o Goberno galego aprobará unha nova convocatoria de axudas por importe de 4,4 millóns de euros para serradoiros e empresas transformadoras da madeira, co fin de fomentar a vaorización, dixitalización, a ecoinnovación e a mellora da seguridade e saúde tanto neste sector como no contract. Unha liña, na que se contou coas achegas das asociacións, entre elas, as de Fearmaga.

Este programa busca, entre outros, dar apoio aos serradoiros máis grandes que non poden acceder ás axudas do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común (PEPAC) porque superan unha capacidade máxima de transformación de 20.000 m³ de madeira.

A isto hai que engadir, que este ano xa se convocaron tamén as axudas para tecnoloxías forestais, procesamento e comercialización de produtos en madeira, á que se presentaron 117 solicitudes por un importe total de 13,3 millóns de euros e cuns investimentos de case 35 millóns de euros.

Finalmente, Alfredo Fernández Ríos puxo de relevo a permanente colaboración entre a Xunta e esta asociación que aglutina xa a preto de 350 empresas e que avoga pola mellora e o impulso do sector forestal; a mellora do capital humano a través da formación; e a cooperación, difusión e promoción da cadea forestal-madeira.

Imaxes relacionadas