O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, participou hoxe nun relatorio no local social da Fundación Abanca de Viveiro sobre os retos e expectativas que supoñen os mercados voluntarios de carbono en Galicia. Agradeceu á Asociación de Produtores de Madeira de Viveiro (Promavi) a invitación e expuxo en que consisten estes mercados emerxentes e cales son as oportunidades que se lles presentan aos titulares forestais sexan propietarios particulares ou comunidades de montes veciñais en man común.
A xornada veu motivada polo interese que este tipo de novos mercados está a espertar. Como lembrou o director “estamos ante unha emerxencia climática, a descarbonización en poucos anos non será unha opción para as empresas e os países. Aqueles propietarios que dispoñan de bosques, terán un recurso con valor de mercado, o carbono pode xerar unha fonte de riqueza que axude a afondar na xestión forestal sustentable e activa, poñer en valor o rural e loitar contra o seu abandono”. Afirmou que “Galicia atópase nunha situación inmellorable, pero agora toca ser prudentes e cautos, e non tomar decisións até comprender e valorar as mellores opcións que teñen os produtores”. Neste sentido, anunciou que o Goberno da Xunta de Galicia proporá as medidas necesarias para protexer os intereses dos titulares de montes en Galicia.
Avanzou que, tal como sinala a actual Lei de montes de Galicia, a Xunta de Galicia traballará para dispor dun sistema de créditos de carbono de carácter voluntario. Este sistema servirá de nexo entre titulares e aquelas persoas, de natureza física ou xurídica, que desexen mercar créditos ben como intermediarios ou ben como axentes finais co fin de reducir ou facer nulas as súas emisións. A diferenza do sistema estatal dirixido ás zonas incendiadas ou que non estiveran arborados nos últimos 30 anos, o sistema da Xunta basearase na xestión forestal sustentable e activa como ferramenta diferencial para secuestrar un número de toneladas de carbono adicionais fronte a aqueles bosques abandonados.
Ademais, non só contabilizará o carbono almacenado pola cuberta arbórea, senón tamén aquel carbono almacenado en produtos de madeira, fomentando deste xeito aqueles produtos de madeira que presenten ciclos de vida longa, como son todos os relacionados con fins estruturais, por exemplo en construción.