A Xunta ultima o Plan director do sector forestal-madeira para fortalecer a industria, fixar poboación e xerar emprego nun sector que é líder a nivel estatal

obra

O borrador será remitido a todos os axentes que participaron na súa elaboración para que presenten as súas achegas, e solicitarase informe ao Consello Económico e Social e ao Consello Galego de Economía e Competitividade antes da súa aprobación definitiva

O forestal foi declarado sector estratéxico da economía galega en febreiro de 2024, representa o 5,5 % da cifra de negocio total da industria galega e conta con máis de 13.600 persoas ocupadas

En 52 dos 313 concellos galegos, a industria de base forestal representa máis do
30 % dos establecementos, e en sete comarcas figura entre as tres primeiras
actividades industriais 

O sector factura máis de 2.400 millóns de euros ao ano e representa arredor do
1,7 % do PIB galego

Santiago de Compostela,

O Consello da Xunta coñeceu hoxe o estado de tramitación do Plan director do sector forestal madeira 2026-2028, ferramenta que marcará a folla de ruta desta industria nos vindeiros anos para potenciala, incrementar a súa competitividade e xerar emprego de calidade. A industria da madeira en Galicia representa o 5,5 % da cifra de negocio total e conta con máis de 13.600 persoas ocupadas. De feito, en 52 dos 313 concellos galegos, a industria de base forestal representa máis do 30 % dos establecementos e en sete comarcas este sector figura entre as tres primeiras actividades industriais. 

A cadea monte-industria galega é líder a nivel estatal por cifra de negocios, ademais de ser clave na economía galega, cun peso relevante tanto no sector primario, en que representa o 15 % do valor agregado bruto como no sector secundario, en que ocupa a cuarta posición. A súa facturación anual supera os 2.400 millóns de euros e supón arredor do 1,7 % do produto interior bruto (PIB) de Galicia. Esta industria mantén relacións comerciais co 80 % das actividades económicas galegas e realiza compras superiores a 10 millóns de euros anuais en máis de vinte delas. 

Atendendo a estes datos, o borrador do Plan director do sector forestal inclúe, entre outras accións, cinco eixos de actuación e sete ámbitos de prioridades que van desde a internacionalización, a dixitalización, a sustentabilidade ou as persoas, entre outros. Tamén prevé un seguimento das medidas que se desenvolverán, que se realizará conxuntamente co sector e permitirá a súa adaptación ou redefinición, de maneira que os axustes realizados se plasmarán nas futuras actualizacións e modificacións do dito plan que se considere necesario facer. A automatización dos procesos produtivos e o uso intelixente dos datos para mellorar a produtividade e competitividade coa finalidade de facilitar a adaptación das empresas a unha contorna industrial cada vez máis exixente son alguns dos obxectivos do Plan, que aposta pola sustentabilidade e a economía circular, entendidas non só como unha obriga ambiental, senón como unha oportunidade económica.

Ademais, o Plan aposta polo uso da madeira como material estratéxico na construción, pola valorización dos recursos forestais, a biomasa, a eficiencia enerxética e polo cumprimento de criterios ambientais, sociais e de gobernanza. 

Por outra parte, as persoas son protagonistas do Plan a través da formación, a seguridade e a saúde laboral e a atracción de talento como centro da política industrial. Facilitar o acceso ao financiamento, impulsar o desenvolvemento de solo industrial e a mellora das infraestruturas son outros dos seus puntos clave.

 Tras o seu paso polo Consello desta mañá, o documento será enviado de xeito inmediato a todos os axentes que participaron na súa elaboración para que fagan chegar as súas achegas, e solicitaranse os informes ao Consello Económico e Social e ao Consello Galego de Economía e Competitividade, como paso previo á súa aprobación nos vindeiros meses no propio Consello da Xunta.

Proceso participativo 

O plan elaborouse logo dun proceso participativo e colaborativo de interlocución con todo o sector que se desenvolveu a través dun convenio de colaboración entre a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), o Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia, a Asociación provincial de empresarios da primeira transformación da madeira de Lugo e a Federación Empresarial de Aserradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia. Ademais, levouse a cabo unha consulta pública a través do portal de transparencia e goberno aberto para solicitar a opinión da cidadanía e das organizacións e asociacións máis representativas. 

A análise do sector realizada no marco da elaboración do plan director pon de relevo os retos e oportunidades a que se vai enfrontar esta industria no futuro coa combinación da tradición forestal, a innovación tecnolóxica e a sustentabilidade e, nomeadamente, o papel que vai xogar na descarbonización doutros sectores estratéxicos como o da construción e rehabilitación a través do emprego da madeira como elemento estrutural e da hibridación con outros materiais ou a biorrefinaría, a través das sucesivas transformacións da madeira e os seus subprodutos en biomateriais, biocombustibles e mesmo fibras téxtiles. 

Así mesmo, a dixitalización da cadea forestal-madeira permitirá mellorar a xestión dos montes, optimizar os procesos industriais e comerciais e garantir a sustentabilidade grazas á incorporación da intelixencia artificial e de sistemas de rastrexabilidade avanzada.

Nove plans para nove sectores estratéxicos

Ata o de agora, o Goberno galego ten declarados nove sectores como estratéxicos para a economía, ademais do sector forestal. Son os seguintes: a automoción e a construción naval, que xa contan con cadanseu plan director aprobado; a industria das TIC, o sector alimentario, o da función loxística, a industria da construción, a metalmecánica e o sector téxtil e da confección.

A elaboración dos plans directores dos sectores declarados estratéxicos forma parte da estratexia de promoción industrial da Consellería de Economía e Industria e complementa o Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais co obxectivo de facilitar o proceso de transformación das industrias galegas e impulsar novas oportunidades de negocio que xeren riqueza e emprego de calidade.