O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, participou hoxe na clausura da Asemblea Xeral Ordinaria de LugoMadera
Salienta que esta liña de axudas vai facer un importante esforzo para mellorar o apoio a investimentos no subsector do serradoiro
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, adiantou hoxe que a Xunta traballa nunha nova convocatoria da de axudas á valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais que vai facer fincapé na dixitalización e mellora da seguridade e saúde tanto neste sector como no contract.
Fernández Ríos participou hoxe na clausura da Asemblea Xeral Ordinaria de LugoMadera, onde destacou que nesta liña, á que fixeron achegas as principais asociacións do sector, vai facer un importante esforzo para mellorar o apoio a investimentos no subsector do serradoiro.
O director da Xera indicou que este ano xa se convocaron as axudas para tecnoloxías forestais, procesamento e comercialización de produtos en madeira, á que se presentaron 117 solicitudes por un importe total de 13,3 millóns de euros e cuns investimentos de case 35 millóns de euros.
Segundo resaltou, na provincia de Lugo foron beneficiaras 299 empresas e recibiron unha axuda total de máis de 26,77 millóns de euros. Foi a que maior importe de axudas recibiu e a segunda en canto ao número de empresas beneficiarias, o cal, dixo, “dá unha mostra do peso do sector na provincia”.
De feito, abondou, a superficie forestal arborada na provincia de Lugo representa case o 35 % do que supón en toda Galicia, cun volume de cortas que no ano 2024 se sitúa nos 3,3 millóns de metros cúbicos, o que supón mais dun terzo dos aproveitamentos de madeira de Galicia.
Fernández Ríos puxo de relevo que a madeira é un dos principais sectores industriais de Galicia, xa que se atopa entre os sete primeiros por cifra de negocio, cunha alta implantación no 95% dos concellos galegos. Segundo os datos publicados no último informe da cadea forestal-madeira do ano 2023, para o conxunto da Comunidade, os rematantes venderon madeira por valor de 423 millóns de euros e o serradoiro facturou uns 365 millóns.