A Axencia Galega da Industria Forestal busca impulsar novos usos para a madeira de frondosas

Frondosas
  • O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Ríos, clausurou hoxe a xornada técnica do proxecto Resonate, sobre valorización sustentable da madeira deste tipo de especies forestais
  • Sinala que se busca un maior aproveitamento desta madeira a partir da innovación, o deseño e a silvicultura
Santiago de Compostela,

 

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Ríos, salientou hoxe a aposta da Xunta por impulsar novos usos para a madeira de frondosas en Galicia de xeito que poida xerar valor nas industrias da primeira e segunda transformación a partir do deseño e a innovación.

Alfredo Ríos clausurou hoxe a xornada técnica do  proxecto Resonate, sobre valorización sustentable da madeira deste tipo de árbores que, segundo dixo,  é o grupo de especies con maior presencia nas masas forestais de Galicia, con 628.978 hectáreas, de acordo aos datos do Inventario Forestal Continuo do ano 2023.

Ríos indicou que este proxecto, que se desenvolve a través do CIS Madeira, recolle once accións orientadas, entre outros fins, a un mellor aproveitamento das masas de pequeno porte e baixa calidade a partir da silvicultura. Tamén á busca de alternativas para esta madeira, como son a obtención de produtos derivados, biocarbón, ou madeira de pequenas dimensións para a construción.

Desde o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, dependente da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Ríos sinalou, ademais, que se traballa na mellora xenética do castiñeiro, da cerdeira e do carballo, as principais especies de frondosas caducifolias xunto co bidueiro, para manter as poboacións destas especies en Galicia.

Imaxes relacionadas