Lorenzana avanza que nas vindeiras semanas a Xunta presentará o borrador do plan director do sector forestal-madeira

CMD

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe na clausura da asemblea do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia

Avoga por “non desistir” no obxectivo de pechar toda a cadea de valor do sector en Galicia

Lembra que, desde esta semana, os serradoiros e empresas da segunda transformación e do contract que así o precisen xa poden solicitar as axudas por 4,4 M€ para valorización de produtos en madeira

Santiago de Compostela,

 

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que, nas vindeiras semanas, a Xunta de Galicia presentará o borrador do plan director do sector forestal-madeira que, segundo dixo, “ten que partir das oportunidades que esta industria ten agora mesmo e, por suposto, dos retos”.

Durante a súa intervención na clausura da asemblea do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, en Santiago, Lorenzana avogou por “non desistir” no obxectivo de pechar toda a cadea de valor do sector en Galicia. “Temos que saber organizar o recurso do que dispoñemos”, dixo. E, xunto con isto, fixo referencia á necesidade de seguir incidindo na diversificación de mercados, máis alá do contract, e de afondar en ámbitos como a xestión dos créditos de carbono.

Na mesma liña, subliñou que un desafío común a toda a industria é conseguir persoas traballadoras cualificadas; “quizáis, o maior reto que ten a empresa europea neste momento”, esgrimiu, para sinalar que será un dos principais focos de atención nos plans directores que está elaborando a Xunta de Galicia para os sectores estratéxicos da economía galega.

Ademais, indicou que a xestión forestal é inherente ao medio rural. O 95 % dos concellos galegos contan cunha industria forestal e, en máis dunha vintena de comarcas, está entre os tres primeiros sectores industriais por emprego xerado.

Na súa intervención, lembrou, por outra banda, que, desde esta semana, os serradoiros e empresas da segunda transformación e do contract que así o precisen xa poden solicitar as axudas por 4,4 M€ para a adquisición de novo equipamento; para mobiliario, contract e construción; para certificacións e informes de calidade e xestión ambiental; dixitalización, e seguridade e saúde laboral. Uns apoios únicos en España xustamente pola diversidade de liñas que inclúen.

O particular desta orde de axudas, á que fixeron achegas as principais asociacións do sector, é que vai facer un importante esforzo para mellorar o apoio a investimentos no subsector do serradoiro. Por un lado, para cubrir as necesidades que teñen moitos serradoiros galegos que non poden acceder ás axudas do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común (PEPAC) porque superan unha capacidade máxima de transformación de 20.000 m³ de madeira. E, tamén, para que poidan investir nos tratamentos térmicos que exixe a normativa fronte á situación sanitaria do piñeiro en Galicia derivada do nematodo.

Lorenzana concluíu poñendo en evidencia a “transversalidade” da cadea de valor que representa o clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e apelando á colaboración público-privada.

Imaxes relacionadas