Lorenzana avanza que as obras de rehabilitación do Pazo de Lourizán poderían comezar a finais do ano 2026 a pesar da complexidade dos traballos

Lourizán

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe estas instalacións onde xa se están a realizar os traballos previos ao inicio da reforma

Se se cumpren os prazos previstos, tendo en conta que se trata dun “proxecto complexo”, di, “a finais do ano 2026 ou principios do 2027” as obras de rehabilitación do Pazo de Lourizán “poderían ser unha realidade”

Avanza que “se está traballando arreo” para que no mes de outubro poida estar entregado o proxecto básico e de execución, asinado o pasado 25 de xuño

Desde entón, estanse a realizar traballos de prospección, diagnose e recompilación de documentación cos que elaborar os informes técnicos necesarios

Pontevedra,

 

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que se se cumpren os prazos previstos, tendo en conta que se trata dun “proxecto complexo”, dixo, “a finais do ano 2026 ou principios do 2027” as obras de rehabilitación do Pazo de Lourizán “poderían ser unha realidade”.

Lorenzana coñeceu hoxe de primeira man os traballos que xa se están a acometer nestas instalacións, acompañada do secretario xeral técnico da Consellería, José Ramón Pardo; do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Alfredo Fernández Ríos; dunha das arquitectas responsables da obra (da UTE Pinos-Enrich), Blanca González Sainz; de responsables do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira–CIS Madeira e do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, ademais dos técnicos encargados dos traballos de diagnose para a redacción do proxecto.

O pasado 25 de xuño asinouse o contrato de redacción do proxecto básico e de execución e, a partir de aí, desde o verán, estanse a realizar traballos de prospección, diagnose e recompilación de documentación cos que elaborar os informes técnicos necesarios sobre a situación estrutural, os elementos patrimoniais e arqueolóxicos, os solos e o estado da finca, etc.

“Adxudicamos o contrato o 25 de xuño e, desde entón, están traballado arreo para que, esperemos que a finais deste mes de outubro, poidamos ter xa un proxecto básico do que será o futuro proxecto de rehabilitación do pazo”, dixo. Se eses prazos se cumpren, engadiu, “a mediados do ano 2026 poderemos ter xa o proxecto e comezar a licitar as obras, co cal a finais do ano 2026 principios do 2027 poderían ser unha realidade”.

A conselleira sinalou que se trata dun “proxecto complexo” pero que se está traballando “con rigor” para “ofrecer á cidadanía de Pontevedra e de toda Galicia un espazo multidisciplinar onde se vai conxugar o labor que realiza o Centro de Investigación Forestal de Lourizán con usos máis turísticos, hoteleiros, con zonas recreativas e de exposición.

“Trátase de revitalizar un dos elementos do patrimonio histórico de Galicia pero continuar deixándoo apegado ao uso forestal”, afirmou. Segundo indicou, “é unha aposta do Goberno da Xunta que cremos que é necesaria”, dixo, tanto para continuar impulsado e dando valor á investigación e á industria forestal, como polo que supón para a cidadanía ter unha infraestrutura destas características na cidade de Pontevedra, concluíu.

Imaxes relacionadas