Lorenzana destaca que a Xunta leva destinado preto de 57 M€ a axudas para maquinaria e equipamento das empresas forestais, un 17% na provincia de Pontevedra

Serrerías Rodríguez
  • A conselleira de Economía e Indusria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións de Serrerías Rodríguez
  • Lembra que ata o vindeiro 26 de marzo permanece aberta a convocatoria deste ano, con axudas que oscilan entre os 50.000 e os 200.000 euros para serradoiros e rematantes
  • Serrerías Rodríguez é o segundo serradoiro de Galicia en termos de consumo anual de madeira
Valga (Pontevedra),

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que, nos últimos seis anos, desde 2018, cando se puxeron en marcha as axudas para a modernización do sector forestal, a Xunta leva concedido preto de 57 M€ en apoios a empresas para a renovación de maquinaria e equipamento, acondicionamento de instalacións e comercialización de produtos.

Así o puxo hoxe de manifesto durante unha visita a Serrerías Rodríguez, o segundo serradoiro de Galicia en termos de consumo anual de madeira, beneficiario deste programa que acaba de convocar unha vez máis a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) e permanece aberto ata o vindeiro 26 de marzo. Segundo indicou, desde os seus inicios, a Xunta leva concedido 624 axudas, máis do 17 % (105) na provincia de Pontevedra por importe de 9,6 M€.

Esta edición conta cun orzamento de 10 M€ para o período 2025-2026, con apoios que oscilan entre os 50.000 e os 200.000 euros para serradoiros e rematantes. En concreto, a convocatoria inclúe 5 liñas: para maquinaria de tratamentos silvícolas; de medición de masas forestais; para a comercialización da castaña e da resina; para a compra de equipos portátiles e maquinaria de clasificación automática da madeira e de produtos serrados; e, por primeira vez, para a medición e trazabilidade do inventario forestal e daquela madeira aproveitable.

A conselleira salientou que se trata dunha liña de axudas necesaria para a competitividade da cadea monte-industria en Galicia, que abrangue máis de 3.000 empresas (o 12 % do emprego industrial), e que afronta retos como o peche de ciclos ou a extensión dos novos usos da madeira.

Imaxes relacionadas