Rueda destaca que a Xunta redobra o apoio á industria forestal galega cunha nova orde de axudas por importe de 10 M€ para mellorar a súa competitividade

XERAtecno

Salienta que a convocatoria deste ano, en réxime de concorrencia competitiva, incorpora unha nova liña destinada a mellorar as condicións para a rastrexabilidade da madeira, clave “para as exportacións”

Ademais se reducen os trámites para solicitar estas achegas

Os apoios enmárcanse na Axenda de impulso forestal-madeira, deseñada conxuntamente cos principais axentes do sector, e que ten como obxectivo poñer en valor a industria e impulsar a súa modernización 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello acordou “destinar 10 millóns de euros” para o bienio 2025-2026 a axudas para apioiar a industria forestal “á hora de adquirir tecnoloxía ou maquinaria relacionada coa súa actividade”, o que supón duplicar o orzamento da anterior edición. Deste xeito vaise lanzar unha nova convocatoria de achegas para apoiar investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais que permitirán mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas que integran a cadea monte-industria galega.

A Xunta redobra esforzos con estas axudas para chegar a máis beneficiarios e coa creación dunha nova liña de axudas “para adquirir maquinaria que permita unha perfecta trazabilidade da madeira, algo fundamental nas exportacións”, indicou o presidente.

As achegas, que impulsa o Goberno galego a través da Axencia Galega das Industrias Forestais (XERA), se concederán en réxime de concorrencia competitiva e buscan poñer en valor o conxunto de recursos que atesouran os bosques galegos xunto cos equipamentos, maquinaria e as instalacións necesarias para incrementar o peso da industria ligada a toda a cadea de valor.

Para iso, inclúe cinco liñas de axuda: xestión forestal activa, destinada á adquisición de maquinaria precisa para a realización de tratamentos silvícolas; madeira e biomasa, dirixida a equipamentos de medición de masas forestais, acondicionamento e instalacións e maquinaria específica; castaña e resina, encamiñada á adquisición de maquinaria e mellora das instalacións para o aproveitamento comercial da castaña e da resina no monte; valor engadido na primeira transformación da madeira, enfocada á compra de equipamentos portátiles, maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á clasificación automática tanto da madeira estrutural como de produtos serrados intermedios ou finais, entre outros, e, finalmente, unha nova liña para medición, rastrexabilidade e caracterización da madeira obxecto de aproveitamento dirixida á adquisición de equipamentos de medición do inventario forestal e equipamentos portátiles.

A convocatoria deste ano avanza na filosofía da Administración galega de desburocratizar e axilizar os trámites requiridos para solicitar as axudas. Así, mantéñense a declaración responsable ou a autoavaliación dos criterios de baremación e se evita a obriga de presentar 3 ofertas na maior parte dos investimentos.

Cada persoa solicitante só poderá presentar unha solicitude de axuda e a dita solicitude só poderá dirixirse a unha única liña de axudas. A axuda máxima limitarase por solicitante aos 200.000 euros para as liñas 1 e 4, 50.000 euros para a liña 5 e 160.000 euros para as liñas 2 e 3.

En canto á intensidade máxima da axuda é do 40 % dos gastos elixibles e o importe está cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agracia común de España (PEPAC 2023-2027), cunha achega do Feader do 60 %, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 12 % e da Xunta de Galicia do 28 %.

Esta orde de axudas enmárcase na Axenda de impulso forestal-madeira que, deseñada conxuntamente cos principais axentes do sector,  ten como obxectivo potencialo e impulsar a súa modernización, a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.