O xurado valora especialmente “a forma de actuar sensible” da proposta gañadora, que crea espazos “moi atractivos que mesmo permiten recuperar e poñer en valor aspectos estruturais e formais presentes no edificio do Pazo e que hoxe pasan desapercibidos”
O equipo gañador, ademais de recibir o premio económico de 48.400€, será adxudicatario do contrato para a redacción do proxecto básico e de execución da obra
O vindeiro sábado 9 de novembro terá lugar en Pontevedra o acto de entrega de premios aos finalistas do concurso promovido pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industria Forestal (Xera)
A Xunta conta cun orzamento estimado de máis de 17 millóns de euros para unha obra que prevé comezar no próximo ano para rematar a rehabilitación deste edificio histórico en 2027
O equipo formado por Estudio Carme Pinós SLP e Carles Enrich Studio SLP resultou gañador por unanimidade do concurso para a recuperación integral do Pazo de Lourizán e a súa contorna co proxecto baixo o lema Xard1n 2.0. Así o deron a coñecer os membros do xurado tras realizar esta mañá en San Caetano a apertura das plicas que contiñan a relación de premiados no concurso de ideas promovido pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industria Forestal (Xera).
A proposta do equipo gañador, baixo o lema Xard1n 2.0, obtivo unha puntuación de 90 sobre 100 e céntrase nunha idea do xardín coma o fío narrador arredor do cal vertebrar o proxecto. Isto, manifestan os membros do xurado, é unha idea que forma parte da esencia da Finca de Lourizán desde a súa orixe e que, neste caso, permite -di o fallo- atopar o equilibrio necesario entre natureza e arquitectura.
Segundo o mesmo xurado, Pinós-Enrich “presenta unha solución moi clara e racional dos aspectos funcionais e construtivos, baseada nun grande respecto pola arquitectura, a construción e os elementos de valor preexistentes”. Ademais, a coherencia da organización dos accesos e as circulacións permite xerar novos espazos “moi atractivos que mesmo permiten recuperar e poñer en valor aspectos estruturais e formais presentes no edificio do Pazo e que hoxe pasan desapercibidos”.
O xurado valorou especialmente “a forma de actuar sensible, silandeira e meticulosa que se estende a todo o ámbito da Finca e ao resto dos edificios, que se aproxima á actuación mínima e imprescindible para alcanzar os obxectivos fixados nas bases do concurso”. Do mesmo xeito, destacou que a proposta introduce criterios de economías de custo que probablemente van contribuír á viabilidade e sustentabilidade do proxecto.
O equipo gañador, ademais do premio económico de 48.400€, será adxudicatario do contrato para a redacción do proxecto básico e de execución da obra, así como, de ser o caso, para a súa dirección. A UTE Pinós-Enrich está formada por dous estudios de arquitectura de prestixio cun currículo que presenta obras como a ampliación do Mercado da Boquería (Barcelona) ou rehabilitación do Hotel-Spa Son Brull en Mallorca, que mereceron premios nacionais e internacionais coma o Premio Nacional de Arquitectura 2021 ou o Premio Arnold W. Brunner da American Academy of Arts and Letters.
O segundo premio de 24.200€ foi para a proposta co lema Buxus 117 presentada polo equipo formado dos estudios de Elizabeth Abalo Díaz, Gonzalo Alonso Núñez e María Fandiño González, que obtivo unha puntuación de 84 sobre 100 cun deseño arquitectónico que primaba a certificación ambiental e a eficiencia enerxética. Este equipo tamén presentou un meritorio currículo con obras como a construción do edificio institucional e de I+D da Universidade de Vigo na Ribeira do Berbés.
O seguinte proxecto clasificado, que recibe un premio de 18.150€, resultou Lalop 123 do equipo formado por MGM Morales de Giles SLP, Irisarri Piñeira SL, Ola Arquitectura SLP e García Fontán, quen xa realizara obras como a rehabilitación dos catro edificios para a Sede dos Rexistros da Propiedade en Vigo. Máis alá dos tres primeiros premios, o certame concede accésits de 12.100€ para os finalistas restantes que, por orde de clasificación, son: o equipo formado polos estudios de Creus e Carrasco Arquitectos SLP, Michèle&Miquel e Muller y Feijoo; a UTE GB Lourizán; o equipo de Alfonso Penela Fernández, Besada y Failde, BMJ Arquitectos SCP e Ruth Gundín Villar; e, por último, a UTE formada por Juan Domingo Santos, Mangado y Asociados SL, Carmen Moreno Álvarez e Carlos Quintáns Eiras.
O vindeiro sábado 9 de novembro terá lugar en Pontevedra o acto de entrega de premios aos sete finalistas do concurso. Ademais, os sete proxectos arquitectónicos que chegaron a esta fase final, formarán parte dunha exposición aberta ao público que se inaugurará o próximo xoves 14 de novembro na cidade de Pontevedra.
A Xunta conta cun orzamento estimado de máis de 17 millóns de euros ata 2026 para o proxecto de reforma integral do Pazo e a súa contorna. A súa previsión é comezar as obras o vindeiro ano 2025 para rematar a rehabilitación deste edificio histórico en 2027.