A Xunta achega as vantaxes da ciberseguridade ás empresas do sector forestal e aposta por ampliar a formación neste eido

XERA

Apunta que ata o vindeiro 29 de setembro aínda está aberta a liña de axudas que a Xunta ten á disposición das asociacións e organizacións da industria forestal para a convocatoria de cursos formativos non regrados, dos que o pasado ano se beneficiaron máis de 1.000 profesionais

Destaca que as empresas do sector non son alleas ás ameazas que trae consigo a dixitalización. “Máis, -di- cando cada día se están renovando e van implantando novos sistemas informáticos para, por exemplo, garantir a trazabilidade dos produtos, xestionar a cadea de produción ou para todo o que comporta a comercialización da madeira”

Lugo,

 

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, destacou hoxe a importancia de que as empresas do sector forestal coñezan as vantaxes da ciberseguridade e avogou por ampliar a formación neste eido.

Fernández Ríos participou hoxe na inauguración da xornada formativa Ciberseguridade: riscos e implantación no sector forestal de Lugo, organizada por LugoMadera co apoio da Xunta, onde salientou que as empresas da cadea monte-industria non son alleas ás ameazas que trae consigo a dixitalización. “Máis, -dixo- cando cada día se van renovando e están implantando novos sistemas informáticos para, por exemplo, garantir a trazabilidade dos produtos, xestionar a cadea de produción ou para todo o que comporta a comercialización da madeira”.

Neste contexto, o director da Xera defendeu a necesidade de incrementar a formación neste eido entre os profesionais do sector e, ao respecto, lembrou que aínda está aberta a liña de axudas que a Xunta ten á disposición das asociacións e organizacións da industria forestal para a convocatoria de actividades formativas non regradas -como a xornada organizada por LugoMadera-, das que o pasado ano se beneficiaron máis de 1.000 profesionais.

Segundo lembrou, o prazo para presentar solicitudes está aberto desde o pasado 29 de agosto ata o vindeiro 29 de setembro, con 0,5 millóns de euros de orzamento e axudas máximas de ata 70.000 euros por beneficiario.

Imaxes relacionadas