A Xunta apoia o compromiso das empresas do sector forestal-madeira coa seguridade e saúde laboral

Ecowarm
  • O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, visitou hoxe as instalacións da empresa Ecowarm Galicia, que resultou beneficiaria o pasado ano do programa de axudas da Xunta neste eido
  • Lembra que o vindeiro 1 de agosto remata o prazo de presentación de solicitudes desta orde de apoios, por importe de 4,4 M€, que cobre, tamén, outros ámbitos como a valorización de produtos a partir de dixitalización ou a ecoinnovación
Brión,

 

O director da axencia Galega da Industria Forestal, Alfredo Fernández Ríos, visitou hoxe as instalacións da empresa Ecowarm Galicia, que puxo como exemplo do compromiso que ten o sector forestal-madeira coa seguridade e saúde laboral.

Ecowarm Galicia fabrica péllets a partir de residuos e subprodutos da madeira -foi unha das primeiras en Europa-, que resultou beneficiaria o pasado ano do programa de axudas da Xunta para a valorización de produtos en madeira a partir da dixitalización, a ecoinnovación ou a adquisición de novo equipamento. Unha orde de apoios que conta, ademais, cunha liña en concreto para seguridade e saúde laboral que permitiu a esta empresa implantar un novo plan de medidas para a minimización do risco de incendios adaptado á capacidade produtiva que ten actualmente.

A firma conta con 3.500 m² de instalacións e almacéns, onde procesa anualmente 55.000 toneladas de subproduto para a obtención de 25.000 toneladas de biocombustibles sólidos para uso non industrial.

Fernández Ríos cualificouna como unha empresa pioneira e de referencia no sector que está a facer unha aposta permanente pola mellora da produtividade, a dixitalización e a ampliación de mercados.

O director da Xera, aproveitou, ademais, para recordar que o vindeiro 1 de agosto remata o prazo de solicitudes desta orde de axudas da que resultou beneficiaria Ecowarm Galicia que, este ano, conta cun orzamento de 4,4 M€.

Imaxes relacionadas