A Xunta avoga polo impulso da innovación, a competitividade e a diversificación no sector forestal-madeira

APRALCO
  • O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández, participou na Asemblea Provincial da Industria da 1ª Transformación da Madeira da Coruña (Apralco)

 

Outes,

 

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, avogou hoxe por impulsar a innovación, a competitividade, o desenvolvemento e a diversificación no sector forestal-madeira.

Fernández Ríos, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, participou esta mañá en Outes na clausura da Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación Provincial da Industria da 1ª Transformación da Madeira da Coruña (Apralco) onde puxo en valor a importancia da colaboración público-privada para lograr os obxectivos de mellora do sector fixados na Axenda de Impulso da industria Forestal como son a mellora do capital humano a través da formación e a cooperación.

Durante a súa intervención, o director da Xera tamén explicou os apoios postos en marcha polo Goberno galego para avanzar na competitividade do sector. En concreto aludiu á liña Xera-Tecno dirixida a investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais que permitirán mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas que integran a cadea monte-industria galega. Unha liña de axudas que, segundo explicou, recibiu 117 solicitudes por importe de 13,3 millóns de euros cos que se prevé mobilizar un investimento de preto de 35 millóns de euros.

Esta orde de axudas enmárcase na Axenda de impulso forestal-madeira que, deseñada conxuntamente cos principais axentes do sector, ten como obxectivo potencialo e impulsar a súa modernización, a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.