A Xunta avoga por ampliar a formación no sector forestal en ámbitos como o das certificacións da biomasa

Curso biomasa 1

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, inaugurou hoxe no CIS Madeira o Curso de certificación de leña e acha, organizado polo Clúster da Biomasa de Galicia e a Asociación BIOECO2

A actividade enmárcase dentro dos apoios da Xunta para a organización de cursos formativos non regrados no sector, dos que o pasado ano se beneficiaron máis de 1.000 profesionais

Destaca a importancia de que os fabricantes impulsen a fabricación de leña e estela certificada a través da implantación de sistemas de control nas súas fábricas

San Cibrao das Viñas,

 

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, salientou hoxe a aposta que está facendo a Xunta de Galicia por ampliar os coñecementos e habilidades dos profesionais que traballan na industria forestal, especialmente, en ámbitos como o da certificación da biomasa.

Fernández Ríos participou hoxe na inauguración do Curso de certificación de leña e acha, organizado polo Clúster da Biomasa de Galicia e a Asociación BIOECO2 no CIS Madeira, que ten como obxectivo fomentar a profesionalización neste ámbito. A actividade enmárcase dentro dos apoios que ten a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para a organización de cursos formativos non regrados que impulsen o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira de Galicia.

Este curso de formación tratará os procedementos lexislativos, normativos e técnicos vinculados á certificación da leña e de estelas co obxectivo de que os participantes coñezan as obrigas legais, os mecanismos de control e as certificación dispoñibles, fundamentais para garantir a calidade da materia prima no sector da biomasa.

O director da Xera destacou a importancia de que os fabricantes impulsen a fabricación de leña e estela certificada a través da implantación de sistemas de control nas súas fábricas. “A existencia de combustibles normalizados e certificados no mercado permite aumentar a eficiencia da combustión, diminuír as emisións e dar maiores garantías legais a consumidores e produtores, polo que é fundamental para un desenvolvemento futuro do sector”, dixo.

Segundo lembrou, nos últimos anos elevouse a demanda de leñas e estelas polos altos prezos dos combustibles fósiles e da electricidade. Ademais, o seu aproveitamento é unha forma de darlle valor á madeira que, polas súas características, non ten outros usos industriais. Neste sentido, destacou o compromiso da Xunta de Galicia co emprego da biomasa, especialmente, en edificios públicos como o complexo administrativo de San Caetano e en hospitais e centros educativos públicos.

Fernández Ríos apuntou que a última convocatoria da liña de axudas da Xera para formación non regrada no sector publicouse no ano 2024 cun orzamento total de 800.000 euros, para o ano 2024 e 2025, e beneficiou a máis de 1.000 traballadores da industria forestal-madeira.

Imaxes relacionadas