Axencia Galega da Industria Forestal

A Xunta destaca que a cadea monte industria galega facturou en 2021 máis de 2.500 M€, a mellor cifra desde que hai rexistros

A Xunta destaca que a cadea monte industria galega facturou en 2021 máis de 2.500 M€, a mellor cifra desde que hai rexistros
  • José González anunciou que ao longo do vindeiro ano a Consellería iniciará o camiño para a redacción dun Plan Estratéxico da industria forestal-madeira, que se aliñará co Plan Forestal de Galicia
  • Lembrou que na nosa comunidade se cortan anualmente arredor de 10 millóns de metros cúbicos de madeira e que a cadea monte-industria supón o 12 % do emprego industrial de Galicia, con 24.500 postos de traballos directos
  • Puxo en valor iniciativas da Xunta para mellorar a planificación e a toma de decisións neste ámbito, principalmente o Plan Forestal e, dentro del, o Inventario Continuo
  • Salientou as diferentes liñas de axudas do seu departamento, como os 18 M€ destinados a incentivar a forestación e a silvicultura activa ou os 2,6 M€ para impulsar a madeira como elemento estrutural de construción
Boqueixón (A Coruña),

A facturación da cadea monte-industria de Galicia superou no ano 2021 os 2.500 millóns de euros, sendo esta a mellor cifra desde que hai datos, a partires de 2006. Ademais, as estimacións “máis prudentes” aportan unha cifra aínda mellor para este 2022. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, na clausura da xornada de presentación do informe anual da cadea monte-industria galega, na que estivo acompañado do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan. 

Neste acto, o titular de Medio Rural anunciou tamén que ao longo do vindeiro ano a Consellería iniciará o camiño para a redacción dun Plan Estratéxico da industria forestal-madeira. O principal obxectivo desta iniciativa é responder a unha demanda do propio sector, no sentido de aliñar o Plan Forestal de Galicia (que está especialmente orientado cara ao recurso) coas necesidades da industria (máis enfocadas no produto).  

Ademais, José González salientou a contribución da cadea monte-industria ao Produto Interior Bruto galego, que se cifrou no 1,6% no 2021 e puxo en valor os principais datos deste eido produtivo. Así, lembrou que na nosa comunidade se cortan anualmente arredor de 10 millóns de metros cúbicos de madeira, distribuídos nunhas 45.000 hectáreas cada ano, correspondentes a 85.000 referencias catastrais. 

En adición, o conselleiro salientou tamén que a cadea monte-industria supón o 12 % do emprego industrial de Galicia, con 24.500 postos de traballos directos e, o que González cualificou como “máis importante”, empregos directamente vinculados ao rural galego. E engadiu, neste sentido, que “o informe presentado hoxe acredita como o monte é, sen dúbida algunha, a caixa de aforros do noso rural”. 

Aposta como non houbo antes en materia forestal

Diante destas cifras, o titular de Medio Rural sinalou que a Xunta é “totalmente consciente” do recurso que posuímos e, sobre todo, da necesidade de saber xestionalo. De feito, engadiu que “este Goberno fai unha aposta como non houbo antes en materia forestal en Galicia”. Isto, aseverou, co fin de manter xestionadas esas parcelas de monte das que hoxe son responsables -na meirande parte- pensionistas de preto dos 65 anos, tal como indica o informe, elaborado en colaboración co Instituto Galego de Estatística.  

O conselleiro concluíu que, diante dun sector que representa unha das principais fontes de riqueza e emprego no rural galego, “temos que ser hábiles na toma de decisións”. Neste marco, situou a importancia da colaboración institucional e tamén cos profesionais do sector para impulsar instrumentos clave, como o Plan Forestal de Galicia. Un documento que, recordou, comporta un investimento público e privado de 4.900 millóns de euros no monte galego deica 2040. Así mesmo, neste ámbito da planificación e da toma de decisións, o conselleiro referiuse á importancia de contar con mapas precisos que permitan coñecer a dispoñibilidade real e potencial do recurso, para facer uso del e continuar producindo. Neste contexto, González indicou que a Xunta está a facer un significativo exercicio por coñecer e informatizar todas as hectáreas da comunidade por medio do Inventario Forestal Continuo de Galicia, dentro do Plan Forestal. 

Na mesma liña, o conselleiro trasladou que o Goberno galego está a incentivar a forestación e a silvicultura activa, por medio de liñas de axudas, xa aprobadas ou en proceso de aprobación, que suman ata 18 millóns de euros entre 2022 e 2023. Son fondos, remarcou, destinados á creación de superficies forestais, accións silvícolas, primas de mantemento e elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestal. 

Axudas da Xunta ao sector

En parecidos termos, José González destacou o éxito obtido por outra liña de achegas para o sector, como é a destinada a impulsar a madeira como elemento estrutural de construción. Unha convocatoria -dixo- cun investimento de 2,6 millóns de euros á que se engadirán, tamén en 2023, outros 11 millóns de euros dirixidos a investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais. A maiores, o conselleiro advertiu que non se descoida a investigación e en particular a mellora xenética, que definiu como “base para unha mellor e máis resistente produción”. Neste marco, salientou o labor que leva a cabo o Centro de Investigación Forestal de Lourizán nesta dirección. 

Por último, González incidiu en iniciativas legais a prol do sector, como son a Lei de recuperación da terra agraria, centrada na loita contra o abandono, ou os traballos en marcha para actualizar a Lei de loita integral contra os incendios forestais, que permitirá avanzar na diversificación de especies arbóreas e na paisaxe en mosaico. Destacou, así mesmo, que na elaboración desta norma participan todos os axentes da cadea monte-industria, dende o recurso (Planificación e Ordenación Forestal) á defensa do recurso (Defensa do Monte) ata o produto (Axencia Galega da Industria Forestal).