Axencia Galega da Industria Forestal

A Xunta incrementa ata os 2,6 M€ as axudas á valoración e á segunda transformación da industria forestal madeira e do Contract

Axencia Galega da Industria Forestal
  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta orde de axudas da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural
  • Por primeira vez neste tipo de convocatorias, establécense cinco liñas definidas en materia de accións subvencionables, cada unha delas dirixidas a diferentes obxectivos
  • Poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas da industria forestal e do contract radicadas en Galicia, así como as asociacións, organizacións e entidades sen ánimo de lucro ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira
Santiago de Compostela,

A Xunta convoca este ano 2,6 millóns de euros para o período 2023-2024,un 30% máis que nos últimos exercicios. Por primeira vez neste tipo de convocatorias, establécense ademais cinco liñas definidas en materia de accións subvencionables, cada unha delas dirixidas a diferentes obxectivos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta orde de axudas da Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural.
 
Así, a primeira abrangue a competitividade e valoración, vencellada á compra de nova maquinaria para procesos de transformación de produtos de orixe forestal non alimentarios, así como para os procesos de secado e doutros tratamentos e acabados da madeira. Mentres, a segunda refírese a todo o relativo á compra e venda de maquinaria vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario e ao deseño e fabricación de elementos para a construción, co obxectivo neste caso de consolidar o segmento do contract en Galicia como punteiro a nivel internacional, competindo coas súas propostas de equipamento integral para uso colectivo por diversos proxectos en materia de retail, horeca (hoteis, restauración e cafeterías) e iates/superiates en diferentes países do mundo. Cabe apuntar que ambas as dúas liñas inclúen obras, instalacións ou bens de equipo necesarios para os proxectos en cuestión.
 
Por outra banda, a terceira liña abrangue o relativo á mellora produtiva e desenvolvemento de novos produtos sustentables ou solucións a través de servizos de deseño, desenvolvemento e implementación de estratexias mediante a avaliación e análise de retos empresariais encamiñados a mellorar a produtividade dos procesos industriais, o desenvolvemento de novos produtos/solucións ou á diversificación a través de novos modelos de negocio.

Mentres, a cuarta refírese a certificacións da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental; a informes, servizos, bens, equipos, tecnoloxías e obras de acondicionamento necesarios para a obtención de certificados ou selos de calidade e medioambientais, entre outros; e a ensaios de caracterización de produto realizados conforme a normativa oficial por un laboratorio acreditado. Por último, a quinta liña abrangue as cuestións vencelladas coa seguridade e a saúde na contorna laboral, como a implantación e certificación de estándares de seguridade e a creación de servizos mancomunados.

Canto aos beneficiarios destas axudas, serán as pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract radicadas en Galicia que utilicen madeira e os seus derivados, como a resina, cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para a liña referida á seguridade e saúde na contorna laboral, tamén poderán ser beneficiarias, entre outras, as asociacións e entidades sen ánimo de lucro que teñan base asociativa e presten estes servizos ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira.

A convocatoria establece unha reserva mínima de importes para cada unha das liñas citadas. En calquera caso, se non houbese suficientes solicitudes para cubrilas, estes remanentes orzamentarios pasarían a outras liñas con maior demanda.
 
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá, día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia.

 
A Axenda de impulso da industria forestal-madeira

Estas axudas enmárcanse na Axenda de impulso da industria forestal-madeira, unha folla de ruta contemplada dentro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” e deseñada conxuntamente cos principais axentes deste eido para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.
 
Para acadar estes obxectivos, definíronse catro eixes fundamentais, relativos á mellora do capital humano a través da formación, ao impulso da innovación, á cooperación e valorización e á competitividade, desenvolvemento e diversificación do sector. A través destes eixes e dun orzamento de 55,5 millóns de euros, a Axenda prevé mobilizar preto de 140 millóns de euros no reforzo da competitividade e da modernización dun sector clave no ámbito rural.
 
Máis información:

https://xera.xunta.gal/gl/a-axencia/axudas/axudas-2023/xera-valor-2a-transformacion-in500b