O director da Axencia Galega da Industrial Forestal-Xera, Alfredo Fernández Ríos, destacou esta mañá que Galicia é un referente no emprego da madeira no eido construtivo gracias ao esforzo de todos os axentes do sector forestal-madeira e do compromiso do Goberno galego para impulsar o emprego deste elemento nas edificacións que se están a levar a cabo na rexión co apoio da Administración autonómica. Fernández Ríos realizaba estas valoracións no transcurso da súa participación nas xornadas Como e porqué construímos con madeira?, que se desenvolveron na xornada de hoxe en Madrid.
O director da Xera apuntou que o sector forestal-madeira constitúe unha industria clave na economía galega, de tal xeito que foi declarada hai un ano como sector industrial estratéxico polo Goberno galego para a elaboración do seu plan director. Nesta liña, Fernández Ríos puxo de manifesto a contribución económica e laboral deste sector, que representa o 12 por cento do emprego industrial en Galicia e é indispensable para a economía verde e o equilibrio territorial. Tal e como recolle o Informe anual da cadea monte-industria -e así lembrou o responsable da Xera hoxe en Madrid-, en 2023 Galicia aproveitou case 9,8 millóns de metros cúbicos de madeira, consolidándose como unha das principais rexións produtoras de Europa e que fan que a facturación desta industria supere os 2.400 millóns de euros anuais.
Alfredo Fernández tamén aproveitou o seu relatorio para destacar o compromiso do Goberno da Xunta para impulsar o emprego da madeira no eido da construción pública establecendo o obxectivo de que, progresivamente, o 20 % das edificacións da Administración pública galega empreguen este elemento na súa estrutura. Para avanzar neste propósito a Xera ten asinado convenios de colaboración co SERGAS, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), as Universidades de Vigo e Compostela ou Consellería do Medio Rural, entre outros. Unhas actuacións que contan co apoio e participación de técnicos do Centro de Innovación e Investigación CIS-Madeira e da propia Axencia Galega da Industria Forestal e que, como destacou “están a traballar na busca de solucións innovadoras e sustentables para acadar un sector da construción neutro en carbono, tal e como marca a Unión Europea”.
Finalmente, o director da Xera lembrou que nos últimos catro anos, a Xunta leva concedidas axudas por importe de 8,2 millóns de euros para impulsar o emprego da madeira estrutural, tanto para a redacción de proxectos como para a execución de obras. Unha liña de apoios da que se beneficiaron preto de 550 persoas desde o ano 2020.