O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, acompañado do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou hoxe na clausura do segundo encontro da Macro Rexión Atlántica organizada por Fearmaga e que reúne ás organizacións empresariais do sector forestal-madeira das comunidades autónomas do arco atlántico: Galicia, Asturias, Cantabria, Pais Vasco e Navarra.
Na clausura, Fernández Ríos destacou os proxectos de investigación que se están desenvolvendo no Centro de Investigación Forestal de Lourizán para mellorar as especies de coníferas e atallar os problemas sanitarios que están sufrindo as masas de piñeiros e que se extenden tamén ao resto de comunidades autónomas que participan no encontro.
O director da Xera tamén fixo referencia á futura posta en marcha da nova Fundación público-privada para o fomento da investigación forestal que da resposta a unha demanda das organizacións da cadea forestal-madeira en Galicia para avanzar na mellora das especies e satisfacer a demanda das industrias de transformación da madeira.
Importancia do arco atlántico na tala, produción e primeira transformaciónPola súa banda, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal destacou a importancia deste evento, que permite establecer espacios de diálogo e a posta en común da realidade das comunidades autónomas do arco atlántico, nas que se concentran a maior parte das talas, a produción de madeira e a primeira transformación deste produto.
Ao mesmo tempo, destacou a importancia do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, consolidado como una folla de ruta para seguir avanzando na potencialidade económica do monte galego, en liña co traballo que se está desenvolvendo nas comunidades do arco atlántico.