Salienta que Galicia está impulsando a utilización da madeira en construción consciente de que, ademais de ser unz material natural, reciclable e reutilizable, retén CO₂
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, presentou hoxe en Madrid as liñas de traballo que está a desenvolver a Xunta de Galicia para promover a construción en madeira, que implican outros departamentos da Administración autonómica como o Servizo Galego de Saúde, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e o Instituto Galego de Vivenda e solo (IGVS).
Fernández Ríos interveu hoxe na inauguración do Speed Networking Meeting 2025, un encontro sobre construción industrializada con madeira que organiza Club Madera, onde salientou que Galicia está impulsando a utilización da madeira en construción, consciente de que, ademais de ser un material natural, reciclable e reutilizable, retén CO₂ e fíxao durante todo o ciclo vida. Ademais, os procesos de fabricación de produtos para a construción son minimamente contaminantes e consumidores de enerxía, dixo.
Na ponencia, o director da Xera trasladou a importancia do sector forestal-madeira en Galicia, onde as cortas anuais no 2023 supuxeron 9,8 millóns de metros cúbicos, máis da metade da madeira cortada en España. Tamén en termos de emprego e facturación, xa que en 2024 se superaban os 19.000 afiliados e máis de 2.400 millóns de euros.
Xunto con isto, destacou os apoios que desde a Axencia Galega da Industria Forestal se están a dar ás empresas que se dedican ao aproveitamento da madeira e á súa transformación, e sinalou que na última convocatoria de axudas de adquisición de maquinaria e equipamentos destináronse 10 millóns de euros.
Tamén fixo mención aos apoios para construción en madeira, tanto para a elaboración de proxectos como as propias obras de execución, no que se prima o emprego de madeira local e da marca de garantía piñeiro de Galicia. A última convocatoria destas axudas tivo un orzamento de 5 millóns de euros e apoiáronse un total de 272 actuacións. Desde o ano 2020, engadiu, a Xunta leva investido 8,2 millóns de euros en 543 proxectos neste programa.
Na ponencia amosáronse exemplos destas axudas que foron proxectadas por equipos de arquitectos galegos, executadas por empresas de construción, subministración e montaxe galegas e a materia prima é de orixe galego (piñeiro de Galicia).