A Xunta promove diversas xornadas formativas para estudantes e profesionais da industria forestal e a construción en madeira

Pemade
  • O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, participou hoxe nas instalacións de Pemade (USC) na primeira das catro Xornadas Técnicas Madeira organizadas por Cesuga co apoio da Xunta

     

Lugo,

 

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, salientou hoxe a aposta da Xunta por que os estudantes e profesionais vinculados á industria forestal e a construción en madeira poidan ter  acceso a unha variada oferta de actividades formativas sobre as novas tendencias do sector.

Fernández Ríos participou hoxe na primeira das catro Xornadas Técnicas Madeira, organizadas polo centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga) en colaboración coa Xunta, que se celebrou esta mañá no Campus de Lugo, na Plataforma da Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade), onde estudantes de arquitectura, enxeñaría, deseño e formación profesional asistiron a varios ensaios de laboratorio con elementos estruturais de madeira para avaliar as súas propiedades mecánicas.

Este obradoiro é parte dun ciclo de accións formativas que se van celebrar entre o 1 e o 8 de abril, nas que participan 25 persoas, e que se realizan grazas ás axudas convocadas pola Xunta con este fin, que suman un orzamento total de 800.000 euros para o período 2024-2025.

Resultaron beneficiarias delas 14 entidades do sector: o Clúster da Biomasa de Galicia, Lugomadera, Fearmaga, Resuga, PEFC Galicia, Bioeco2, Asefoga, a Asociación de Desenvolvemento Rural Ódega, Cesuga, a USC, o Clúster da MadeIra e do Deseño de Galicia, o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, a Asociación para o Desenvolvemento Educativo e Cultural Educativo e a Asociación Mulleres Autónomas Rurais de Galicia.

Con estas axudas lévanse realizado case sesenta accións formativas (clases maxistrais, obradoiros, cursos, xornadas ou pílulas formativas) sobre temáticas como o aproveitamento da madeira e da resina, o uso das TIC e as novas tecnoloxías dixitais, a certificación forestal, a xestión empresarial, as habilidades directivas e o marketing, a construción en madeira, a formación en clave de xénero ou os créditos de carbono, entre outros.