Axencia Galega da Industria Forestal

A Xunta publica unha guía para fomentar a madeira na contratación pública de edificacións sustentables

PAC da Laracha

O Consello da Xunta avaliou hoxe este documento, elaborado pola Axencia Galega da Industria Forestal -dependente da Consellería do Medio Rural, que busca facilitar ás administracións que así o desexen o uso de madeira na licitación pública de edificios sustentables

Esta guía enmárcase dentro do compromiso da Xunta co sector forestal galego, que se verá reforzado ao garantir que ata un 20% das edificacións promovidas polo goberno autonómico empregarán madeira na súa estrutura, unha porcentaxe que se introducirá de xeito gradual dende 2024

No documento analizado hoxe propóñense criterios técnicos na preparación de contratos para o deseño, construción, renovación e xestión de edificios co fin de reducir o seu impacto ambiental; ademais de incentivar o desenvolvemento de produtos e tecnoloxías verdes no sector forestal

Entre as vantaxes do seu uso na construción, a guía apunta á súa menor pegada carbónica ou que cada euro investido en madeira estrutural xera outro euro na economía rexional, un efecto que se multiplica no caso de empregar madeira local

Ademais, publicarase unha nova convocatoria no 2024 cun mínimo de dous millóns de euros de fondos propios da Xunta para fomentar na promoción privada a construción en madeira para usos estruturais 
 

Santiago de Compostela,

A Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural, elevou ao Consello da Xunta a Guía para o fomento da madeira na contratación pública de edificacións sustentables, unha publicación que busca facilitar a incorporación de melloras na contratación pública relacionada co uso de madeira na construción pública.

A través dos proxectos de construción pública en madeira, as administracións autonómicas e locais poden desempeñar un papel fundamental no fomento da penetración no mercado de novas solucións de construción máis sustentables. O uso da madeira estrutural na construción de edificios públicos xoga un papel fundamental en políticas de descarbonización pero tamén naquelas políticas de loita contra o abandono rural e contra a lacra dos lumes forestais. É por iso que, neste contexto, nace esta guía, enmarcada precisamente no compromiso da Xunta co sector forestal galego con varias liñas de traballo e apostas como garantir que ata un 20% das edificacións promovidas polo goberno autonómico empregarán madeira na súa estrutura, unha porcentaxe que se introducirá dun xeito gradual dende 2024.

O obxectivo desta guía é realizar recomendacións para incluír o uso da madeira nos contratos ou concesións de obras públicas das entidades do sector público galego. O documento propón cláusulas ou criterios técnicos para o deseño, construción, renovación e xestión de edificios e obras, apostando por reducir o seu impacto ambiental e climático, e incentivar o desenvolvemento de produtos e tecnoloxías verdes no sector forestal. Os órganos de contratación poderán elixir en que obxectivos se queren centrar á hora de preparar o contrato, definindo os pregos de prescricións técnicas e/ou cláusulas administrativas.

Vantaxes do uso de madeira na edificación
Nesta publicación faise un percorrido polo que está a acontecer en países europeos como Alemaña, Finlandia, Noruega, Eslovenia, República Checa ou Francia, onde as administración públicas están asumindo compromisos ambiciosos no uso da madeira en novas edificacións publicas.

Ademais, a guía tamén recolle diversas razóns polas cales é beneficioso o uso de madeira nas construcións. Por unha banda, no eido económico, diversos estudos conclúen que as diferenzas de custo entre unha mesma edificación construída en madeira e outra en aceiro-formigón oscilan ata nun 7 %, polo que o coñecemento dos prescriptores e a experiencia dos contratistas no emprego da madeira estrutural é decisivo para favorecer o aforro orzamentario. Así mesmo, outros estudos conclúen que o custo total do ciclo de vida de edificios en madeira é dun 2,4 % inferior ao de formigón ou que, transcorridos 60 anos de vida do edificio, o valor do edificio en madeira é 153 % máis alto que o de formigón grazas á revalorización dos seus compoñentes. Ademais, os prazos de execución da obra redúcense, o que se traduce nunha redución dos custos de construción.

No que respecta ás razóns técnicas, as estruturas de madeira, ademais de ter unha durabilidade dos materiais semellante a outros sistemas construtivos, teñen un bo comportamento fronte a unha posible acción extraordinaria de sismo ao ser estruturas máis lixeiras que as doutros materiais. Así mesmo, a madeira ten baixa condutividade térmica o que fai que o interior dos elementos manteña a súa temperatura normal e, por tanto, as súas propiedades mecánicas sigan intactas ao contrario do que ocorre con outros materiais. 

Interese polo emprego de materiais alternativos na construción
No sector da construción cada vez medra máis o interese por outros materiais estruturais, como é a madeira, para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro dentro dunha estratexia de mitigación do cambio climático na que cobra especial interese fitos como a posibilidade de edificación en altura con paneis. Neste sentido, as construcións en madeira exercen un efecto especialmente beneficioso, debido ao prolongado almacenamento de carbono nos produtos ao longo do seu ciclo de vida.

Ademais, estímase que o uso dun metro cúbico de madeira en substitución doutros materiais de construción reduce as emisións de CO2 á atmosfera unha media de 1,1 a 3,9 toneladas de CO2.

Con respecto a razóns sociais, demostrouse que a utilización de madeira ten importantes beneficios para o benestar das persoas usuarias, vinculados a un efecto positivo análogo ao que exerce o contacto directo coa natureza. Este feito xera melloras funcionais especialmente relevantes en edificios de carácter sanitario, educativo ou
asistencial.