O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Jacobo Aboal, visita as instalacións do serradoiro Maderas Pérez Giménez
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Jacobo Aboal, subliñou hoxe o compromiso de Maderas Pérez Giménez coa competitividade, a internacionalización e a mellora da calidade dos produtos forestais.
Aboal, visitou as instalacións deste serradoiro familiar que foi beneficiario das axudas convocadas pola Xunta no 2023 para a valorización e a segunda transformación das pemes da industria forestal galega, e tamén dos apoios para investimentos en tecnoloxías, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais.
En concreto, a axuda total recibida ascendeu a preto de 275.800 euros que lles permitiu implantar unha liña de fabricación para realizar de xeito automático o desapiado de paquetes, o clasificado de táboas por dimensión e calidade, e o apiado final do produto.
Ademais, construíron unha nova nave para o almacenamento de táboa seca e clasificada; implantaron a marca de garantía Pino de Galicia; e implantaron e certificaron o marcado CE de vigas de piñeiro para uso estrutural. Este marcado funciona como pasaporte na Unión Europea dos produtos de construción para a súa comercialización baixo unha declaración de prestacións que asegura o cumprimento de todas as disposicións legais de aplicación e unhas prestacións estandarizadas conforme á Directiva de Produtos para a Construción.
Durante a visita, Aboal, explicou que a produción deste serradoiro se centra na madeira para a fabricación de embalaxe industrial destinado ao sector do automóbil; para a elaboración de caixas de froitas; para a construción, carpintería e naval; e tamén para a madeira de esqueletaxe para a fabricación de sofás.
O Goberno galego publicou tamén neste 2024 unha orde de axudas por importe de 4 millóns de euros para a valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e a dixitalización e mellora da seguridade e saúde na contorna laboral da industria forestal galega e do contract. Ademais convocou outra orde de apoios por valor de 5 millóns de euros para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais. Ambas as dúas teñen o prazo de solicitude pechado.
O obxectivo destes apoios é o de mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas que conforman a industria forestal-madeira de Galicia, ao tempo que se aposta por procesos de produción con menos impacto ambiental.