A conselleira María Jesús Lorenzana, sinala que “temos que seguir traballando na parte da investigación forestal e tamén na de mellora xenética das coníferas”
Explica que un dos obxectivos da Xunta é lograr que o 20 % das edificacións da Administración galega empreguen madeira na súa estrutura
Pola súa banda, Martínez Allegue, insiste na necesidade de impulsar na construción de vivenda pública as técnicas industrializadas que inclúan a madeira, polo que indicou que “resulta moi interesante crear sinerxías co sector”
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitaron hoxe as instalacións da empresa Xilonor onde subliñaron que a cadea forestal-madeira supón o 12 % do emprego industrial e avogaron por aproveitar os recursos forestais propios para industrializar Galicia.
O sector forestal e toda a cadea de valor son claves para a economía galega, pois na actualidade representa case o 2 % do PIB galego, engloba a máis de 1.500 empresas e factura arredor de 2.500 M€ ao ano.
Durante a visita, Lorenzana puxo en valor o traballo realizado por Xilonor que “está levando a cabo un proxecto excepcional e aproveitando os recursos naturais da nosa Comunidade Autónoma”, dixo. E ademais, “foi a primeira empresa, e unha das primeiras de España, que no ano 2021 abriu a primeira planta de madeira contra laminada 100 % de piñeiro galego”, engadiu.
Neste marco, a conselleira explicou que “temos que seguir traballando na parte de investigación forestal e tamén na parte de mellora xenética das coníferas”, no que xoga un papel fundamental o Centro de investigacións Forestais de Lourizán, a fin de xerar madeira con altas prestacións estruturais como recurso para a construción de vivenda en madeira.
A titular de Economía e industria tamén destacou a aposta decidida que está a facer a Xunta por industrializar Galicia aproveitando os recursos naturais propios “pois temos claro que os recursos forestais son unha das claves deste proceso de transformación económica e reindustrialización”, dixo.
Neste sentido, Lorenzana insistiu en que “temos que apostar por pechar as cadeas produtivas, por aproveitar a madeira desde o punto de vista da construción privada pero tamén desde o punto de vista da edificación pública, para chegar progresivamente a ese obxectivo do 20%”, subliñou.
Por último, puxo en valor a Lei de Recursos Naturais de Galicia na que segundo expuxo “mostra a nosa estratexia económica como unha estratexia transversal do Goberno de Galicia” e lembrou que a pasada semana amas as dúas Consellerías asinaron dous convenios de promover o uso da madeira tanto nas obras públicas de ampliación, rehabilitación ou reforma como na nova construción de edificacións e infraestruturas. “Estamos aliñados nesa estratexia que pensamos que a medio e longo prazo pode dar lugar ao crecemento de Galicia e aumentar e poder manter o sistema de benestar”, dixo.
Pola súa banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue confirmou que o uso da madeira na edificación xa é unha realidade e puxo coma exemplo a construción en curso do futuro centro de saúde de Abegondo ou as pasarelas para as sendas peonís de Milladoiro ou a de Mollabao-Praceres, en Pontevedra.
No que se refire á construción de vivenda pública, Martínez Allegue destacou que “agora mesmo temos en marcha catro bloques de residenciais colectivos en Navia, Vigo, nos que licitamos conxuntamente proxecto e obra, mediante técnicas industrializadas, primando o uso da madeira”.